A Xunta denuncia a intención do Goberno central de expulsar a Galicia do Observatorio Estatal da Infancia e a Adolescencia
Con esta decisión do Executivo central redúcese a presenza das comunidades ao tempo que se aumenta a do Estado
A Administración galega reclama a retirada desta proposta e esixe que calquera modificación no funcionamento do Observatorio se faga de maneira consensuada
Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, manifestou hoxe o total rexeitamento ao proxecto de Real Decreto do Goberno central polo que se reduciría a representatividade das comunidades autónomas no Observatorio Estatal da Infancia e a Adolescencia, pasando das 17 actuais a tan só seis. Esta diminución suporía, na práctica, a expulsión de Galicia e doutros territorios que exercen de maneira exclusiva a competencia no ámbito da protección de menores.
Jacobo Rey sinala que esta expulsión non se xustifica en ningún caso por unha maior eficiencia no funcionamento do Observatorio, toda vez que se amplía a representación da Administración central ata acadar os 20 membros. Ademais, esta medida é contraria ao propio borrador do Real Decreto, que fixa entre os fins deste Observatorio favorecer o diálogo e a intercomunicación entre as distintas Administracións públicas e os axentes sociais.
Para o director xeral o obxectivo deste órgano non é consecuente cunha representación tan descompensada entre as distintas Administracións como a que se levaría a cabo a través desta modificación, principalmente cando o groso das competencias nesta materia pertencen ao ámbito autonómico.
Contradicións da norma
Ademais, Jacobo Rey considera contraditorio que o borrador do Real Decreto non contemple a presenza como vogais de representantes do Consello Estatal de Participación Infantil e Adolescente, co obxectivo de favorecer o dereito da infancia e da adolescencia a ser escoitada, un principio recollido na normativa nacional e internacional.
Ante esta decisión e as súas posibles consecuencias, a Xunta solicita ao Goberno de España que paralice a tramitación deste proxecto de Real Decreto e que calquera reforma do regulamento do Observatorio se promova desde este órgano e de maneira consensuada coas comunidades autónomas e co resto dos seus membros.