A Xunta avanza na loita contra o cancro de pulmón coa ampliación do seu programa piloto a toda Galicia

Despois de remitir as primeiras invitacións por sms, xa responderon á enquisa 1.560 persoas

Con motivo da conmemoración hoxe do Día Mundial contra o do Cancro de Pulmón, o Executivo galego subliña os avances na loita contra esta enfermidade, priorizando a detección precoz e a prevención do tabaquismo, principal factor de risco

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025

A Xunta avanza na loita contra o cancro de pulmón coa ampliación a toda Galicia do seu programa piloto de cribado LUNG-GAL, que coordina a Consellería de Sanidade a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.

A Xunta decidiu a ampliación do programa piloto de cribado ante os resultados acadados na iniciativa que comezou o pasado ano de forma pioneira na área sanitaria da Coruña e Cee, no que tres dos cinco cancros de pulmón que se detectaron (o 60%) foi en estadios precoces.

O programa piloto esténdese agora a toda Galicia, coa invitación a arredor de 48.000 persoas distribuídas do seguinte xeito, segundo áreas sanitarias: A Coruña con aproximadamente 8.200 invitacións; Pontevedra preto de 3.940; Lugo arredor de 7.850; Ourense unhas 2.915; Vigo preto de 9.115, Santiago de Compostela unhas 8.983 e Ferrol aproximadamente 6.970.

Tras ter feito as primeiras invitacións por sms, xa responderon á enquisa 1.560 persoas. Destas persoas, 239 son fumadoras activas, 98 solicitaron cita no seu centro de saúde para deixar de fumar e 236 mostran interese en participar no programa piloto de detección precoz mediante TAC de baixa dose, no caso de cumprir criterios de inclusión.

En canto aos exfumadores que deixaron de fumar nos últimos dez anos, cinco responderon á enquisa e catro amosáronse dispostos a participar nesta iniciativa.

Día mundial contra o cancro de pulmón

A Xunta lembra que a prevención e a detección temperá son claves para reducir a mortalidade por cancro de pulmón e insta á poboación a aproveitar os servizos de apoio para abandonar o tabaco e participar nas iniciativas sanitarias dispoñibles.

O compromiso de Galicia coa saúde pública e a innovación médica reforza a mensaxe de esperanza e acción conxunta no Día Mundial contra o do Cancro de Pulmón, que se conmemora hoxe e no que o Executivo galego subliña os avances na loita contra esta enfermidade, centrando os seus esforzos na detección precoz e na prevención do tabaquismo, principal factor de risco.

Data de actualización: 17/11/2025