Belén do Campo presenta unha retroescavadora para a brigada ambiental de Trazo que contou cunha achega da Xunta de 30.000€
A delegada da Xunta explicou que a actuación realizouse ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) competitivo que ten por obxectivo reverter o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e cohesión territorial
Trazo (A Coruña), 17 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto coa alcaldesa de Trazo, Josefina Suárez, presentaron unha retroexcavadora adquirida polo Concello cunha axuda de 30.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental competitivo para dar servizo á brigada ambiental coa que conta este municipio.
Esta maquinaria polivalente permitirá executar traballos de conservación, retirada de residuos, recuperación de espazos e actuacións en situacións de emerxencia ambiental.
O novo equipo ten como obxectivo dotar á brigada medioambiental dos recursos técnicos necesarios para llevar a cabo actuacións orientadas á conservación da biodiversidade, recuperación de zonas degradadas ou contaminadas, protección do medio ambiente e dos espazos naturais e recollida e traslado de residuos.
O ámbito de actuación da brigada abrangue todo o territorio municipal de Trazo, unha área rural cunha gran diversidade ambiental: marxes de ríos, zonas arboradas, lagoas e múltiples espazos naturais de elevado valor. A dispersión da poboación e as características propias do medio rural fan imprescindible contar cun servizo municipal dotado de equipamento axeitado para actuar con rapidez ante calquera incidencia.
Con este proxecto, o Concello busca mellorar a capacidade de resposta, reducir custos e minimizar as consecuencias negativas das incidencias sobre o medio natural.
A delegada incidiu na importancia de axudas coma esta a través das que a Xunta trata de “reforzar a capacidade dos gobernos locais para dar resposta ás demandas cidadás”.
Cooperación institucional
Durante o visita, a representante do Goberno autonómico puxo en valor a cooperación entre administracións como “peza clave para avanzar na protección do patrimonio natural galego”.
Na Comarca de Ordes xunto ao Concello de Trazo, tamén resultaron beneficiarios da liña competitiva desta orde os municipios de Ordes,Tordoia e outra axuda compartida polos concellos de Ordes e Frades por un importe total de máis de 130.000 euros.
“Os concellos son as administracións que mellor coñecen o territorio e as súas necesidades, e por iso desempeñan un papel fundamental na súa protección e xestión sostible”, destacou a delegada.
Compromiso coa conservación do medio natural
Con estas achegas a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co desenvolvemento sostible e co respecto polo medio natural mediante o Fondo de Compensación Ambiental (FCA) 2025, que destina 9,2 millóns de euros a diferentes iniciativas en toda a comunidade. Na provincia da Coruña estas dúas liñas contaron, a non competitiva con máis de 2,2 millóns de euros para 49 beneficiarios e a competitiva con case 700.000 euros para 26 beneficiarios. En total preto de 3 millóns de euros.
Estes recursos distribuíronse nas súas dúas modalidades —competitiva e non competitiva— co obxectivo de reverter o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e cohesión territorial.
A representante do Goberno galego subliñou que o Fondo constitúe unha ferramenta clave para protexer a biodiversidade, preservar o patrimonio natural e fomentar a recuperación sostible dos concellos galegos.
Segundo explicou, as dúas liñas de actuación permiten atender distintas necesidades do territorio: a modalidade competitiva, aberta ao conxunto das entidades locais galegas e a modalidade non competitiva, dirixida especificamente aos municipios que contan no seu territorio con parques eólicos e liñas de evacuación.
Ambas opcións, engadiu, “fan posible impulsar proxectos sólidos e duradeiros que melloren a calidade ambiental e o benestar da cidadanía”
A través desta iniciativa, a Xunta mantén o seu apoio aos concellos galegos preservación do medio ambiente ao tempo que promove unha xestión eficiente e responsable dos recursos naturais, consolidando así unha Galicia máis verde, equilibrada e sostible.