A Xunta adxudica o contrato para dotar de servizo de abastecemento de auga a dous núcleos poboacionais no concello de Vilamarín por máis de 210.000 euros
As actuacións impulsadas por Augas de Galicia contan con cofinanciamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional
Os traballos buscan dotar de auga potable á veciñanza dos lugares do Vilar e Xagrade mediante a captación de auga potable dunha condución xa existente no concello veciño da Peroxa
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2025
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, adxudicou o contrato para dotar de servizo de abastecemento de auga potable aos núcleos de poboación de Xagrade e O Vilar, no concello ourensán de Vilamarín por importe de algo máis de 210.000 euros.
O contrato, que conta con financiamento europeo a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), permitirá executar o proxecto deseñado polo Goberno local para captar auga dunha condución existente no concello veciño da Peroxa e derivar o caudal preciso para cubrir as necesidades da poboación deses dous núcleos de poboación, pois a subministración de caudal estaría garantida.
Os traballos consistirán na execución da derivación para a captación de auga na condución existente, a instalación dun contador de medida, a canalización no cruzamento coa estrada N-540, a instalación de tubaxes baixo foxo nunha lonxitude aproximada de 2,5 quilómetros e a colocación de elementos auxiliares, válvulas, bocas de rego así como outros equipamentos necesarios para o seu correcto funcionamento.
O Executivo galego asume máis do 90% do custo das obras -que contan cun prazo de execución de tres meses- e o Concello de Vilamarín a porcentaxe restante. As actuacións enmárcanse na estratexia da Xunta de prestar apoio técnico e financeiro aos concellos na mellora dos servizos de saneamento e abastecemento -de competencia municipal- ofrecendo unha alternativa de xestión autonómica dos servizos da auga para cubrir o mellor posible as necesidades neste eido do conxunto da cidadanía.
Compromiso cos concellos
De feito, o orzamento de Augas de Galicia para 2026 sobe un 5,5%, ata os 151,7 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento nos concellos coa mellora e creación de infraestruturas, a formación e a divulgación de técnicos e cidadanía e a execución de políticas de prevención ante os riscos climáticos e que aumenten a resiliencia hídrica da comunidade.
En global, o organismo hidráulico dedicará 7 de cada 10 euros do seu orzamento a abastecemento e saneamento -108,7 M€- e case a metade -73,6 M€-, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Esta estratexia de impulso ao tratamento das augas prestará unha atención especial á situación particular dos núcleos rurais, con investimentos que o próximo exercicio suman 17,8 M€ -case un 40% máis que este ano- para dotar distintas áreas das catro provincias dos mellores servizos hidráulicos. O fin é acadar un rural sostible incidindo tanto nas contornas rurais dos grandes municipios como nos pequenos núcleos de poboación ou en zonas dispersas.