A Xunta ampliará en case 500 m² a capacidade do Instituto Lamas de Abade, cun investimento de 1,2 M€
Román Rodríguez visita o centro compostelán para presentar estas obras que permitirán crear oito novas aulas para atender o crecemento da matrícula na zona
Con esta intervención o Goberno galego eleva a máis de 12 M€ o investimento nos centros escolares na capital de Galicia co Plan de nova arquitectura pedagóxica
Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Instituto Lamas de Abade, en Santiago de Compostela, que o seu departamento ampliará en case 500 m² o vindeiro ano. A intervención, que conta cun orzamento de 1,2 M€, licitarase antes de que remate 2025 con cargo aos novos Orzamentos e está previsto que remate a principios de 2027.
Tal e como explicou o conselleiro, o obxectivo da obra é dotar o centro de máis e mellores espazos este centro. “En concreto, haberá seis novas aulas ordinarias e dúas novas aulas de desdobre”, detallou, o que permitirá ampliar a capacidade dun centro que conta con gran demanda. “É dicir, a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica seguimos creando máis prazas de escolarización alí onde a poboación o demanda”, incidiu.
A obra executarase engadindo un andar máis sobre a parte sur do edificio actual, de tal forma que os tres corpos que compoñen o instituto quedarán coa mesma altura, logrando uniformidade arquitectónica. A zona de nova construción estará illada polo exterior con sistema SATE e contará con carpintería de aluminio anodizado, similares ás existentes.
Organizarase arredor dun corredor central, ao longo do que se distribuirán as oito novas aulas e a saída de emerxencia, conectada cunha nova escaleira exterior na fachada sur, de uso exclusivo en caso de incendio, un ámbito no que tamén se realizarán melloras.
Un 4% máis de investimento en 2026
Tal e como explicou Román Rodríguez, a intervención no instituto compostelán forma parte do paquete de 16 obras de mellora en centros educativos para o ano 2026 que a Consellería de Educación vai licitar, por anticipado de gasto, antes de que remate o ano por un importe total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.
En Santiago, ademais da ampliación do IES Lamas de Abade, acometerase o cambio de cuberta do IES Plurilingüe Rosalía de Castro, que conta cun orzamento de case 700.000€.
Estas actuacións elevan a máis de 12 M€ o investimento en obras en centros da Consellería na capital. Neste momento están en execución catro actuacións por case 4M€, en concreto, a ampliación do IES Eduardo Pondal (3 M€), a reforma do Museo Pedagóxico de Galicia (500.000 €) e o cambio de cuberta do IES A Pontepedriña (306.000 €). Ademais, está xa adxudicada a rehabilitación integral do IES Arcebispo Xelmírez II (1,8 M€).