O Emevé adica o partido do sábado fronte ao Sayre de Illas Canarias á campaña da Xunta contra a violencia de xénero
A Secretaría Xeral para o Deporte colabora un ano máis cos clubs femininos de alta competición para reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade
Lugo, 18 de novembro de 2025
O club de voleibol Arenal Emevé adicará o próximo partido fronte o Sayre de Illas Canarias á Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, impulsada pola Xunta para rexeitar a violencia de xénero en colaboración cos clubs femininos de alta competición.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a presidenta do club, Bibí Bouza, presentaron hoxe esta cita deportiva, que se disputará o vindeiro sábado, 22 de novembro, ás 17,00 horas no pavillón municipal.
A Secretaría Xeral para o Deporte promove cada ano esta iniciativa coincidindo coa conmemoración do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
“O obxectivo é reivindicar o papel das mulleres no deporte e na sociedade, en colaboración con equipos de máxima categoría que son referentes da participación feminina”, destacou Arias.
Un ano máis, os clubs lucenses participantes son o Emevé, o Burela FS, o FSF Castro e o club de baloncesto Ensino. A campaña desenvólvese mediante contratos de patrocinio e inclúe accións concretas de sensibilización orientadas a promover a igualdade real no deporte.