A Xunta reforza a comercialización da artesanía de Galicia con máis de 10.500 euros en axudas a seis obradoiros das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal
A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá en Cedeira a unha das beneficiarias desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración
Con estas axudas o Goberno galego apoia a asistencia dos obradoiros artesanais a feiras de calquera ámbito territorial, e aos Concellos e asociacións de profesionais na organización de eventos en Galicia que poñen en valor os distintos oficios
Cedeira (A Coruña), 19 de novembro de 2025
A Xunta reforza este ano a comercialización da Artesanía de Galicia en Ferrolterra coa concesión de máis de 10.500 euros en axudas a seis obradoiros artesanais da zona. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, informou destas axudas durante a visita ao taller de Filomena Menacho, en Cedeira, beneficiaria dunha achega de máis de 1.700 euros desta convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Tal e como lembrou Aneiros, con estas axudas o Goberno galego apoia a asistencia dos obradoiros artesanais a feiras de calquera ámbito territorial que lles permite abrir novos mercados ao tempo que incrementar as súas vendas e asegurar así a viabilidade dos seus negocios. Tamén están dirixidas a Concellos e asociacións profesionais do sector para a organización de feiras en Galicia que poñan en valor os distintos oficios.
A delegada apreciou o traballo desta artesá dedicada á elaboración de chales e recordou que que a Xunta concedeu este ano 88 axudas por un importe superior aos 244.000 euros no marco desta convocatoria. Concretamente, beneficiáronse 82 obradoiros, catro concellos e dúas asociacións profesionais e empresariais de persoas artesás.
Estas axudas exemplifican a aposta da Xunta a prol da artesanía de Galicia, a través da Fundación Artesanía de Galicia e da marca Artesanía de Galicia, que se reflicte tamén no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, no que se inclúen distintas medidas para apoiar a comercialización de produtos artesanais, organizar e colaborar en eventos de comercialización, así como para promocionar a artesanía como xeito de emprendemento ligado ao territorio e promover a remuda xeracional no sector.