A Xunta celebra que a CRUE elixa Vigo para celebrar o maior foro de referencia de España de I+D+i

O secretario xeral de Universidades participa na inauguración destas xornadas, organizadas na Universidade de Vigo, e que contan co apoio do Goberno galego

Pon en valor o Plan galego de investigación e innovación e a Fundación Galtia como ferramentas para atraer talento e fortalecer os proxectos punteiros en Galicia

Vigo, 19 de novembro de 2025

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participou hoxe na inauguración das XXI Xornadas de Investigación das Universidades Españolas organizadas pola Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE) e a Universidade de Vigo. A Xunta de Galicia apoia o desenvolvemento desta cita, o maior foro de referencia para a análise, a reflexión e o impulso da investigación e a innovación no ámbito universitario.

O representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor a aposta do Goberno galego pola investigación como motor de desenvolvemento e progreso social e económico, “unha actividade na que, sen dúbida, as universidades públicas galegas, e como tal a Universidade de Vigo, son un axente principal”.

O secretario xeral lembrou que esta mesma semana o Consello da Xunta deu luz verde á constitución da Fundación Galtia que ten como obxectivo captar talento científico internacional de alto nivel que neste momento se atopa no estranxeiro para que comece a formar parte da I+G+i. “Temos, ademais, en marcha o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, cun investimento de 1.310 M€ para dar un especial pulo ás áreas nas que Galicia está a destacar como a biotecnoloxía, a intelixencia artificial, a cuántica e as tecnoloxías limpas e fomentar a transferencia de todo este coñecemento desde os centros de investigacións á sociedade”, detallou. 

Avance da ciencia e a tecnoloxía

As Xornadas Sectoriais de I+D+i constitúen un espazo clave para o fomento da investigación, o desenvolvemento e a innovación no ámbito universitario. Enmarcadas dentro das estratexias nacionais e institucionais de promoción da I+D+i, nelas reúnense os principais responsables da política científica e da xestión da investigación, transferencia e innovación nas universidades españolas.

Ata mañá os participantes intercambiarán experiencias, establecerán redes de contacto e promocionarán proxectos pioneiros que contribúan ao avance da ciencia e da tecnoloxía. Os diferentes poñentes abordarán ademais cuestións de interese práctico, como o financiamento europeo dos proxectos de investigación, a igualdade, a avaliación, a atracción do talento, a comunicación social da ciencia ou as funcións e posibilidades das oficinas de transferencia do coñecemento das universidades.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025