A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu hoxe unha pregunta no pleno do Parlamento
A Xunta garante o máximo rigor técnico na tramitación de todos os proxectos de biogás en Galicia
Ángeles Vázquez incide en que o despregamento deste tipo de plantas, desde o respecto ao medio ambiente e á saúde, supón unha oportunidade para a Comunidade, xa que o biogás e o biometano contribúen á economía circular e á transición enerxética
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
A Xunta asegura que a tramitación de todos os proxectos para instalar plantas de biogás e biometano en Galicia faise con “garantías plenas” e co máximo rigor por parte dos técnicos encargados de avalialas, igual que calquera outro tipo de iniciativa que se presente na Comunidade.
Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, que respondeu esta mañá durante o pleno do Parlamento unha pregunta relacionada coa planta de produción de biometano, fertilizantes orgánicos e compost proxectada en Xunqueira de Ambía, na provincia de Ourense.
Ao respecto, a responsable autonómica explicou que esta iniciativa empresarial está sendo sometida ao procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria. De feito, no marco da mesma indicou que o proxecto pasou nas últimas semanas por unha primeira fase de información pública e, de forma simultánea, procedeuse tamén á solicitude dos informes sectoriais dos órganos preceptivos, que se pronunciarán sobre os distintos aspectos do proxecto da súa competencia.
“A tramitación é absolutamente garantista, cumprindo con cada punto da lei”, recalcou a conselleira, que engadiu que a Xunta demostrou que sabe “dicir si” cando os proxectos cumpren e “dicir non cando incumpren”. Neste sentido, sinalou que o seu departamento buscará o equilibrio entre o despregamento do biogás e o biometano —fontes de enerxía 100% renovables e que contribúen á economía circular e á transición enerxética— e o respecto ao medio ambiente e á saúde pública.
De feito, Ángeles Vázquez considerou que o despregamento deste tipo de plantas supón unha oportunidade para a Comunidade xa que permitirá avanzar cara ao “obxectivo da Xunta de acadar a neutralidade climática en 2040”.
Neste sentido, cómpre lembrar que Galicia é o sétimo territorio do país con maior potencial para producir biogás e biometano e, como lembrou a conselleira, nestes momentos conta con 10 novas plantas autorizadas e outras seis en tramitación.