A Xunta úrxelle ao Goberno central a cubrir as vacantes da Unidade de Policía Adscrita de Galicia
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes recordou que Galicia leva nove meses agardando unha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para firmar un novo convenio e cubrir as vacantes
A proposta trasladada ao Goberno central consiste en que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio do Interior
Diego Calvo pronunciouse hoxe no Parlamento, onde abordou as consecuencias da continua baixa de efectivos na prestación de funcións
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, abordou no Parlamento as consecuencias que está a ter a continua baixa de efectivos na Unidade de Policía Adscrita de Galicia para a prestación das funcións que ten asumidas. Así, urxiulle unha vez máis ao Goberno central a cubrir as vacantes para completar as 500 prazas previstas para Galicia, das que actualmente hai só 339, dado que é responsabilidade exclusiva do Ministerio do Interior aumentalas.
Diego Calvo lembrou que Galicia leva nove meses agardando unha resposta á proposta formulada polo Goberno galego para asinar un novo convenio e cubrir as vacantes. Dita proposta consiste en que as condicións vixentes continúen para os efectivos actuais, e as nóminas correspondentes á cobertura das novas prazas se asuman segundo as condicións do Ministerio.
Estes foron os termos trasladados ao Ministro de Interior o pasado mes de febreiro, no contexto da reunión mantida para abordar a situación e chegar a un acordo consensuado conforme ás necesidades de Galicia. En dito encontro participaron tanto o presidente da Xunta como o conselleiro de Presidencia, pero non houbo un pronunciamento ao respecto por parte do Executivo central.
Actualmente o Estado paga os salarios e a comunidade autónoma a produtividade dos policías e resto de custes de funcionamento da unidade policial, mentres que agora se exixe asumir as nóminas ao 50% e que os gastos de funcionamento sigan correndo a conta da Xunta, o que supón multiplicar por tres o orzamento autonómico destinado á UPA. Para o conselleiro estas condicións non son viables e as negociacións co Ministerio do Interior non avanzaron dende a última xuntanza co ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska. Diego Calvo insistiu na vontade de chegar a acordos co Goberno central sempre que non resulten lesivos para os intereses de Galicia.
Nestas circunstancias, incidiu en que o Goberno galego se ve abocado a reducir tarefas que viña asumindo a UPA, co obxectivo de prestar os servizos con garantía. Nesta liña, lembrou que xa houbo que reducir efectivos da Unidade de Policía Adscrita en edificios administrativos e que, de non cubrirse as vacantes, non se descarta deixar de prestar outros servizos no futuro, que terán que asumir outros corpos de seguridade do Estado, co conseguinte incremento de gasto para o Ministerio.