A Xunta pon en valor os proxectos de investigación que está a desenvolver o CIF de Lourizán

Os directores da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera) e de Planificación e Ordenación Forestal participaron hoxe na clausura do segundo encontro da Macro Rexión Atlántica organizada por Fearmaga

O director da Xera tamén fixo referencia á futura posta en marcha da nova Fundación público-privada para o fomento da investigación forestal que dá resposta a unha demanda das organizacións da cadea forestal-madeira en Galicia

José Luis Chan destacou a importancia deste evento, que permite establecer espazos de diálogo entre as comunidades do arco atlántico, nas que se concentran a maior parte das cortas, a produción de madeira e a primeira transformación

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Alfredo Fernández Ríos, acompañado do Director Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, José Luis Chan, participou hoxe na clausura do segundo encontro da Macro Rexión Atlántica organizada por Fearmaga e que reúne as organizacións empresariais do sector forestal-madeira das comunidades autónomas do arco atlántico: Galicia, Asturias, Cantabria, Pais Vasco e Navarra.

Na clausura, Fernández Ríos destacou os proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro de Investigacións Forestais de Lourizán para mellorar as especies de coníferas e atallar os problemas sanitarios que están a sufrir as masas de piñeiros e que se estende tamén ao resto de comunidades autónomas que participan no encontro.

O director da Xera tamén fixo referencia á futura posta en marcha da nova Fundación público-privada para o fomento da investigación forestal que dá resposta a unha demanda das organizacións da cadea forestal-madeira en Galicia para avanzar na mellora das especies e satisfacer a demanda das industrias de transformación da madeira.

Importancia do arco atlántico na corta, produción e primeira transformación

Pola súa banda, o director xeral de Planificación e Ordenación Forestal destacou a importancia deste evento, que permite establecer espazos de diálogo e a posta en común da realidade das comunidades autónomas do arco atlántico, nas que se concentran a maior parte das cortas, a produción de madeira e a primeira transformación deste produto.

Asemade, destacou a importancia do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, consolidada como unha folla de ruta para seguir avanzando na potencialidade económica do monte galego, en liña co traballo que se está desenvolver nas comunidades do arco atlántico.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025