A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático participou no VII Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta

A Xunta pon en valor en Granada os traballos para activar o primeiro mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia co fin de compensar emisións de CO2

Paula Uría lembra que o Executivo galego ten aberta unha consulta para focalizar os esforzos naquelas áreas cun maior potencial para desenvolver proxectos concretos de absorción ou de redución de emisións

O Goberno autonómico expón proxectos impulsados pola comunidade que se beneficiaron da última convocatoria de Compra Pública Innovadora como o SICLE CO2 ou a iniciativa de Augas de Galicia AguaTech

Granada, 19 de novembro de 2025

A directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula Uría, puxo en valor en Granada o proxecto da Xunta para activar o primeiro sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia, unha iniciativa que se porá á disposición das empresas, entidades, organizacións e mesmo cidadanía para que poidan compensar as súas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) mediante a compra de créditos xerados por distintos proxectos con capacidade para evitar ou capturar dióxido de carbono (CO2).

A representante do Executivo galego lembrou durante a súa participación no VII Foro Iberoamericano de Compra Pública de Innovación e Innovación Aberta que a semana pasada se lanzou unha consulta aberta á participación de empresas, entidades tanto públicas como privadas e cidadanía en xeral co obxectivo de identificar os sectores prioritarios na comunidade para impulsar a posta en marcha dese mercado.

Esta consulta -que estará aberta ata o 12 de decembro- contribuirá a focalizar a atención e os esforzos naquelas áreas cun maior potencial para desenvolver proxectos concretos de absorción ou de redución de emisións e, polo tanto, susceptibles de participar nas primeiras transaccións de créditos de carbono que se materialicen ao abeiro do novo sistema. Deste xeito, estase a pulsar de forma directa a opinión das entidades potencialmente interesadas nunha iniciativa, recollendo suxestións, ideas e datos sobre as necesidades reais dos diferentes colectivos aos que vai dirixida.

Ao mesmo tempo, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático xa sacou a licitación o contrato, por importe de 6 millóns de euros, para poñer en marcha o mercado voluntario de créditos de carbono. O seu funcionamento será similar ao dun mercado virtual no que se busca poñer en contacto aos promotores de actividades xeradoras de créditos de carbono cos potenciais interesados en adquirilos voluntariamente e con independencia de que teñan ou non a obriga legal de compensar as súas emisións á atmosfera.

Paula Uría explicou que as empresas interesadas no contrato poden presentar as súas ofertas ata o vindeiro 3 de decembro. A iniciativa, cun prazo de execución ata 2028, permitirá a Galicia ser pioneira en 2026 con este mercado voluntario de carbono que, mediante a incorporación das novas tecnoloxías e de elementos innovadores, permita realizar operacións de comercialización e velar polo seu seguimento posterior.

Posibilidades

Entre as iniciativas que poderán integrarse no sistema e participar nestas transaccións cómpre citar proxectos relacionados coa reforestación e conservación de bosques, restauración de ecosistemas mariños e costeiros, adopción de prácticas agrogandeiras rexenerativas ou impulso e uso de enerxías renovables, entre outros. Cada tonelada de CO2 absorbida equivalerá a 1 crédito de carbono que se porá á disposición tanto dos propios beneficiarios como de persoas intermediarias.

Para facilitar as operacións entre os promotores dos proxectos e os beneficiarios que adquiran os créditos porase en marcha unha plataforma electrónica que xestionará o novo mercado voluntario mediante transaccións verificables e certificadas, dotándoo así de trazabilidade e seguridade.

O desenvolvemento da plataforma que dará soporte e garantirá a interoperabilidade do novo sistema de créditos de carbono farase no marco do SICLE CO2, un dos oito proxectos galegos escollido este ano no marco da convocatoria de Compra Pública Innovadora, financiada nun 40% pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e nun 60% con fondos europeos da liña FID, que busca apoiar solucións baseadas na I+D+i que non están dispoñibles no mercado ou que necesitan ser adaptadas.

En total, o proxecto SICLE conta cun orzamento de 6,8 millóns de euros, dos cales 6 millóns se destinan a licitar a plataforma —co obxectivo de que entre en funcionamento a comezos de 2026— e 800.000 euros a poñer en marcha as accións de comunicación do mercado e a Oficina Técnica que xestionará todo o sistema.

No foro celebrado en Granada tamén participaron técnicos de Augas de Galicia que expuxeron o proxecto AguaTech, outras das iniciativas galegas beneficiarias da última convocatoria de Compra Pública Innovadora. Cun orzamento de 6 millóns de euros, prevé desenvolver ferramentas de intelixencia artificial para mellorar a información á cidadanía e crear un xemelgo dixital dos ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa coa finalidade de aumentar a transparencia e mellorar a xestión dos recursos hidráulicos fronte ao cambio climático.

Data de actualización: 19/11/2025