A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou coa alcaldesa este novo convenio para completar o financiamento da obra, que acada preto de 300.000 euros
A Xunta reforza a colaboración co concello de Folgoso do Courel para humanizar o acceso a Fondo de Vila
O Goberno galego financia esta intervención cun préstamo por 90.185 euros do Fondo de Cooperación, a través desta liña dirixida a municipios de menos de 50.000 habitantes
Con esta medida, o departamento que dirixe María M. Allegue presta apoio aos municipios con menos poboación para levar a cabo a conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles
A Xunta e o Concello teñen xa asinado un acordo ao abeiro do Plan Hurbe para financiar esta actuación, por un investimento total de preto de 300.000 euros, da que a Xunta asume o 70% deste orzamento
Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025
A Xunta reforza a colaboración co Concello de Folgoso do Courel para a humanización do acceso a Fondo de Vila. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto co secretario xeral técnico, Yago Borrajo, asinou coa alcaldesa deste municipio lucense, Dolores Castro, o convenio para a concesión dun préstamo por un importe de 90.185 euros do Fondo de Cooperación da Xunta para municipios de menos de 50.000 habitantes.
En concreto, a través deste préstamo, os traballos que se abordarán consistirán na habilitación da vía V1 proposta no Plan xeral de ordenación urbana municipal (PXOM), para ampliar o acceso aos servizos e dotacións municipais, como son o albergue, o edificio de usos múltiples ou o museo.
Coa finalidade de humanizar o acceso a Fondo de Vila, a través desta intervención proponse construír unha calzada única sostida en parte sobre un muro de contención, unha coieira coroada con varandas de madeira, buscando a harmonía co territorio.
A intervención desenvolverase mediante esta iniciativa da Xunta que está destinada a financiar obras de conservación de patrimonio, rexeneración urbana ou adquisición de inmobles para rehabilitar en municipios con poboación máis pequena. Este préstamo sen xuros, a devolver en 8 anos, correspóndese á convocatoria 2025 desta liña de achegas, dotada dun total de 3,7M€.
Ademais, cómpre lembrar que a Xunta e o Concello de teñen xa asinado un acordo ao abeiro do Plan Hurbe para financiar esta actuación, que suporá un orzamento total de preto de 300.000 euros, e na que a Xunta asume o 70% do seu orzamento.