O premio foi recollido pola subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde, Alicia Piñeiro

O proxecto E-Diabetes do Servizo Galego de Saúde resulta premiado na v edición dos premios Ennova Health 2025

Este programa fai un seguimento dos niveis de glicosa de máis de 12.000 pacientes por medio de sensores de envío domiciliario e garantindo a integración dos datos na historia clínica electrónica

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2025

O proxecto E-Diabetes do Servizo Galego de Saúde resultou premiado na V edición dos premios Ennova Health 2025 das publicacións Diario Médico e Correo Farmacéutico, na categoría de transformación dixital. Este programa fai un seguimento dos niveis de glicosa de máis de 12.000 pacientes por medio de sensores de envío domiciliario e garantindo a integración dos datos na historia clínica electrónica.

O premio foi recollido pola subdirectora xeral de Integración Asistencial e Innovación do Servizo Galego de Saúde, Alicia Piñeiro.

Esta iniciativa do departamento sanitario galego compleméntase coa aplicación Sergas Diabetes, recollendo datos en relación ao exercicio físico ou á presión arterial.

Galicia tamén participa no proxecto europeo Coido da miña diabetes, que pon de manifesto o compromiso da Xunta coa mellora da atención ás persoas con diabetes tipo 2, ofrecendo un modelo innovador e personalizado que combina a prevención e o autocoidado.

Entre as medidas impulsadas polo Servizo Galego do Saúde destaca o Proceso Asistencial Integrado para Diabetes Mellitus tipo 2, que mellora a efectividade dos tratamentos e actuacións sanitarias.

Para poñer en marcha todas estas medidas, a Xunta fixo un importante investimento na adquisición de dispositivos que axudan a obter os datos máis fiables. Así, no 2023 o Executivo galego autorizou a compra centralizada de bombas de insulina e sistemas de monitorización de glicosa por preto de 80 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/11/2025