Valentín García salienta a contribución do Xacobeo á difusión da lingua e cultura galegas
O secretario xeral da Lingua participa na presentación da obra gañadora do III Premio Novela Camiño de Santiago, ‘Argonautas no labirinto’, de Fernando García Calderón
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
O secretario xeral da Lingua, Valentín García, salientou hoxe a “relevante contribución” do fenómeno do Xacobeo “á difusión da lingua e cultura galegas”. Fíxoo na presentación da publicación Argonautas no labirinto, coa que Fernando García Calderón gañou o III Premio Novela Camiño de Santiago.
Nesta liña, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este certame, organizado pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta, como “impulsor da rica realidade cultural de Galicia”, á vez que como “un eficaz medio para fomentar o diálogo e o intercambio cultural a través de distintos xéneros literarios”.
Neste senso, Valentín García estableceu similitudes entre este premio coa experiencia de percorrer o Camiño, “no que entran en contacto persoas de diferentes procedencias e países, que teñen a oportunidade de coñecer a nosa lingua e cultura”. A este respecto, celebrou “o impulso que está a recibir o noso idioma” a través da literatura e da programación cultural en galego, que se desenvolve nos territorios polos que discorren as diferentes rutas xacobeas.
A obra galardoada, que será publicada pola Editorial Galaxia, é un thriller histórico que se serve do popular xogo da Oca e que demanda a construción colaborativa no relato por parte dos lectores, e da que o xurado valorou a súa prosa depurada e áxil. O autor, Fernando García Calderón (Sevilla, 1959), conta cunha longa traxectoria literaria que inclúe tanto libros de relatos como novelas, cos que ten sido distinguido cos Premio Félix Urabayen e o de Novela Ateneo de Valladolid, entre outros.