Román Rodríguez gaba a traxectoria investigadora do AtlanTTic, no que a Xunta inviste máis de 5,6 M€
O conselleiro de Educación participa na celebración do seu 15 aniversario e sinala o centro da UVigo como “un axente clave para que Galicia avance da I+G+i”
Este centro da Rede CIGUS, especializado nas áreas de tecnoloxías de telecomunicación e servizos dixitais, logra captar case 40 M€ desde o ano 2020
O Goberno galego destina aos tres centros CIGUS da UVigo (AtlanTTic, CIM e CINBIO) máis de 16,6M€ para reforzar a súa actividade investigadora
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, participou hoxe na celebración do 15 aniversario do Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (AtlanTTic) da Universidade de Vigo, unha cita para recoñecer “un proxecto que se consolidou como referente na innovación, transformación dixital e ciberseguridade de Galicia”, afirmou o conselleiro, quen felicitou aos 237 traballadores que “forman parte da familia AtlanTTic”.
O representante do Goberno galego tamén sinalou este centro pertencente á Rede CIGUS de excelencia universitaria como “un axente clave para que Galicia avance no eido das TIC”. “É momento -declarou- de recoñecer o camiño percorrido, reforzar o espírito innovador e continuar traballando para impulsar a I+G+i e construír a Galicia do futuro”.
Neste sentido, o titular de Ciencia e Universidades puxo en valor o traballo do AtlanTTic, ao que a Xunta de Galicia leva apoiado desde o 2020 con máis de 5,6M€ a través das convocatorias da Rede CIGUS e de equipamento científico, entre outras. O centro, que naceu no ano 2010 coa visión de constituírse como un actor clave a nivel internacional no avance da I+D+i, logrou captar en financiamento competitivo desde o 2020 case 40 M€.
Logros en tres lustros
Desde o seu nacemento, o AtlanTTic ten acadado numerosos logros. Entre eles, destacan sete proxectos do programa Ignicia Proba de Concepto da Xunta e cinco spin-offs activas, así como 626 publicacións no período 20-24. Tamén figura o impulso a unha investigación punteira en ámbitos clave como as comunicacións 5G/6G, a ciberseguridade e privacidade, a fotónica integrada, as tecnoloxías cuánticas e as tecnoloxías aeroespaciais, entre outras. Mostra disto é a creación do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou o laboratorio de redes de comunicacións B5G/6G Communication Networks Laboratory.
O AtlanTTic é un dos tres centros de investigación universitarios da UVigo que forman parte da Rede CIGUS da Xunta. A este súmanse o Centro de investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO), ao que a Consellería leva destinados 6M€, e o Centro de Investigación Mariña (CIM), cunha achega de 5M€. Na aposta decidida do Goberno galego pola I+G+i enmárcase este investimento para favorecer o desenvolvemento estable da actividade investigadora dos centros da Rede CIGUS, que en Vigo ascende ata os 16,6M€.