A Xunta celebra os 50 anos do Instituto Universidade Laboral de Ourense como referente na Formación Profesional

A directora xeral de FP e o delegado territorial da Xunta en Ourense clausuran o programa conmemorativo polo medio século de historia do centro

Ourense, 20 de novembro de 2025

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participaron hoxe no acto central de conmemoración do 50 aniversario do Instituto Universidade Laboral de Ourense, un centro que definiron como “un referente na Formación Profesional e unha peza clave no progreso educativo e económico da provincia”. O acto de hoxe forma parte dun amplo programa de actividades desenvolvido ao longo de 2025 con motivo desta efeméride.

A xornada estivo dedicada a analizar a evolución da FP na Universidade Laboral nas últimas décadas, coa participación do director do centro, antigos alumnos, empresarios colaboradores da FP Dual intensiva. O evento rematou cunha visita ao mural inaugurado en febreiro polo artista e exalumno Mon Devane.

Durante a súa intervención, Eugenia Pérez reafirmou o compromiso da Xunta coa Formación Profesional en Ourense, subliñando que a oferta para o curso 2025/26 incorporou ciclos que responden ás necesidades dun mercado laboral en transformación. Nesa liña, sinalou que a ampliación de prazas “permite dar máis oportunidades ao alumnado e, ao mesmo tempo, atender as necesidades reais das empresas”. Grazas á ampliación da oferta en toda a provincia, a matrícula medrou un 5,14% respecto ao curso 2024/25.

O Instituto Universidade Laboral foi o primeiro centro e un dos primeiros de Galicia en implantar a FP Dual. Este curso incorporou, ademais, dúas novidades, o Grao Medio de Mantemento de Material Rodante Ferroviario e o Grao Medio de FP Dual Intensiva en Condución de Vehículos de Transporte por Estrada. Segundo explicou Eugenia Pérez, estas titulacións “responden a sectores emerxentes e con alta demanda de profesionais”. Con ciclos como estes a Universidade Laboral seguirá sendo un motor de oportunidades para a mocidade ourensá.

Data de actualización: 20/11/2025