María José Gómez incide na importancia da xestión da biomasa nas faixas secundarias para previr incendios
A conselleira do Medio Rural visitou hoxe a parroquia de Cudeiro, no concello de Ourense, onde se realizaron actuacións de limpeza e roza ao abeiro do actual convenio asinado coa empresa pública Seaga e a Fegamp
Gómez lembrou que o mantemento destas faixas é unha responsabilidade dos propietarios que, se non cumpren coas súas obrigas, deberán facelo os concellos de xeito subsidiario, tal e como recolle a normativa
Destacou que se está a pechar unha nova colaboración que inclúe o aumento de investimento para estes apoios, que ascende ata os 25 millóns de euros en 2026, o dobre que o actual exercicio; así como unha maior axilidade para as execucións subsidiarias en zonas de risco
Ourense, 21 de novembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, volveu incidir hoxe na importancia da xestión da biomasa das faixas secundarias máis próximas ás vivendas para favorecer a prevención de incendios forestais. Así o salientou hoxe nunha visita á parroquia ourensá de Cudeiro, na que se veñen de realizar actuacións de limpeza e roza ao abeiro do convenio actual asinado coa empresa pública Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora de Seaga, Luisa Piñeiro, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, puxo de relevo estes traballos, que favorecen a protección das vivendas e facilitan o labor do persoal de extinción de incendios forestais. De xeito concreto, na parroquia de Cudeiro actuouse ao longo deste ano nunha superficie de máis de 11 hectáreas, e nun total de 35 no termo municipal ourensán. Gómez explicou que case todo o traballo executado por Seaga parte de contratos establecidos cos particulares de parroquias priorizadas, como é o caso de Cudeiro.
María José Gómez lembrou que o mantemento destas faixas é unha responsabilidade dos propietarios que, se non cumpren coas súas obrigas, deberán facelo os concellos de xeito subsidiario, tal e como recolle a Lei de incendios do ano 2007. Neste contexto, a Xunta de Galicia puxo en marcha este convenio no ano 2018 para axudar ás administracións locais e aos titulares das fincas a desenvolver estes traballos.
Melloras a partir de 2026
Así, co fin de seguir afondando nesta iniciativa, a conselleira sinalou que se está a pechar unha nova colaboración con melloras moi destacables, como o aumento de investimento para estes apoios, que ascende ata os 25 millóns de euros en 2026, o dobre que o actual exercicio.
Neste novo convenio incluirase tamén un aumento das parroquias priorizadas (aquelas nas que os veciños poden contratar os servizos de Seaga para xestionar a súa biomasa cun custo reducido); ao mesmo tempo que se axilizarán as execucións subsidiarias máis urxentes nas zonas de maior risco de incendio. Ademais, prestarase máis apoio aos concellos de menos de 10.000 habitantes e crearanse máis barreiras naturais nas faixas coa plantación de frondosas, un traballo xa contemplado no actual convenio.
Impulso da prevención
Gómez asegurou que a prevención e extinción dos lumes forestais é unha prioridade para o Goberno autonómico e un compromiso que cada ano se reflicte nos orzamentos. No 2026 increméntase nun 50 % o investimento destinado á prevención, que ascenderá ata os 75,38 millóns de euros. Tamén se lle prestará especial atención á rede de bases de unidades operativas e bases aéreas, como será a renovación do aeródromo de Antela, en Sandiás; ou a futura BUO de Bande, que acollerá tamén a sede do distrito XV-A Limia.