A Xunta realiza labores de conservación fluvial en máis de 3,7 quilómetros de dous ríos no concello de Neda

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante arredor de catro semanas e inclúen a retirada tanto de árbores caídas como de biomasa das canles fluviais para evitar atoamentos

Santiago de Compostela, 21 de novembro de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar distintas actuacións de conservación e mantemento fluvial en máis de 3,7 quilómetros de dous ríos no concello coruñés de Neda.

As tarefas, que xa foron comunicadas ao concello e que se prolongarán durante arredor de catro semanas, desenvolveranse en máis de 3,1 quilómetros do río Belelle e en 554 metros do río Basteiro, os dous ao seu paso pola parroquia de Santa María de Neda.

Os traballos consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos. Realizaranse coa aplicación de motoserras, rozadoiras e outras ferramentas manuais. Ademais, o persoal contará co apoio de maquinaria de maiores dimensións como un tractor.

Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa e nas zonas de acceso e protección.

O fin último dos traballos é mellorar os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 21/11/2025