A Xunta impulsa unha mesa de expertos que define cinco prioridades de traballo en economía circular e na xestión sostible dos residuos a nivel municipal
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade presidiu esta semana a reunión, enmarcada na Oficina de Economía Circular Municipal que se puxo en marcha este verán para asesorar e apoiar ás entidades locais nesta materia
Representantes municipais, xestores, empresas e especialistas en xestión ambiental coinciden en que abrir un espazo de diálogo entre todos os axentes implicados ofrecerá novas oportunidades de mellora na recuperación e reciclaxe do lixo
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de activar unha mesa de expertos no marco da Oficina de Economía Circular Municipal co obxectivo de mellorar as actuais taxas de recollida selectiva e a calidade da xestión dos residuos domésticos por parte das entidades locais galegas, favorecendo deste xeito a recuperación e a reciclaxe de materiais así como o impulso da economía circular.
A directora xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade, María José Echevarría, presidiu a primeira reunión deste novo espazo de traballo e colaboración, que se desenvolveu na Cidade da Cultura, en Santiago, e na que participaron representantes de concellos de toda Galicia, persoal técnico, entidades xestoras de residuos, empresas de servizos, así como especialistas en economía circular e xestión ambiental.
O obxectivo da xornada era que os asistentes colaborasen de maneira práctica para detectar oportunidades de mellora na recuperación e reciclaxe dos refugallos, poñendo o foco na calidade das recollidas e na participación activa das entidades locais. Neste sentido, a directora xeral incidiu na importancia de avanzar cara a modelos de recollida que garantan fluxos de residuos máis limpos, que faciliten o seu tratamento e incrementen en consecuencia as porcentaxes de recuperación.
Ao longo da xornada, as persoas participantes analizaron o estado actual da recollida selectiva nos concellos, os principais retos asociados á separación en orixe, a necesidade de mellorar a información e sensibilización cidadá e as posibilidades de colaboración entre administracións, sector privado e outras organizacións. Tamén se expuxeron experiencias de éxito e boas prácticas que poderán ser replicadas noutros municipios.
A xornada estruturouse en catro mesas de traballo centradas na planificación e concienciación, nos modelos innovadores e o control da prestación, na eficiencia e fiscalidade e na normativa de aplicación e xestión de contratos, co obxectivo de abordar a economía circular municipal desde unha perspectiva integral.
As diferentes mesas de traballo permitiron recoller unha serie de conclusións e propostas de mellora en materia de recollida selectiva, recuperación e reciclaxe de residuos municipais. Ao remate da xornada, cada mesa expuxo publicamente as súas conclusións nunha sesión plenaria conxunta e, a través dunha votación final, acadouse un consenso sobre as liñas prioritarias de actuación a seguir.
En concreto, as entidades locais acordaron primar o traballo en cinco grandes áreas: realizar unha diagnose inicial rigorosa baseada en datos propios e fiables dos que manexan os concellos; reforzar o asesoramento técnico para a implantación de modelos innovadores a través das Oficinas de Economía Circular (municipal e industrial); aliñar a taxa de residuos co pago por xeración, para que os que mellor o fan, paguen menos; mellorar a comunicación e a medición mediante indicadores sinxelos e transparentes; e fomentar incentivos vencellados a modelos de recollida máis eficientes, como o sistema porta a porta.
Cómpre lembrar que desde o pasado mes de xuño as entidades locais galegas dispoñen da Oficina de Economía Circular Municipal, un servizo de asesoramento personalizado da Xunta que ofrece acompañamento técnico a medida, resolución de consultas expertas e apoio na implantación de proxectos e iniciativas para o fomento da economía circular no ámbito municipal. Este servizo está á disposición dos concellos a través da páxina web da plataforma GAIA.