A Xunta inicia unha viaxe a Chile para reforzar os vencellos coa colectividade galega residente neste país e promover os programas de retorno

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participará nas celebracións do 58º aniversario do Lar Gallego de Chile e no 75º aniversario do Estadio Español  

Santiago de Compostela, 22 novembro de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, inicia hoxe unha viaxe institucional a Chile co obxectivo de reforzar os vínculos coa colectividade galega asentada neste país e apoiar o labor das entidades que manteñen viva a presenza de Galicia no exterior.

Durante a súa estancia, Miranda visitará as principais institucións galegas, manterá encontros coas autoridades españolas no país e con representantes das asociacións culturais e sociais galegas, e participará en diversos actos conmemorativos e culturais, entre eles o 58º aniversario do Lar Gallego de Chile e o 75º aniversario de Estadio Español. O obxectivo, segundo indicou, é sumarse de maneira relevante a través do Lar Gallego ás celebracións do 75º aniversario do Estadio Español de Chile, que é a entidade que acolle ás diferentes representacións das comunidades autónomas españolas.

Esta viaxe permitirá coñecer de primeira man o traballo que desenvolve a colectividade, así como promover novas vías e colaboración no marco da Estratexia Galicia Retorna. O secretario xeral subliñou que Chile é un país cunha colectividade galega moi activa, comprometida coa súa terra e cun papel esencial na proxección internacional da nosa cultura.

Data de actualización: 22/11/2025