O Centro de Protonterapia de Galicia recibe o primeiro compoñente esencial do ‘Proteus ONE', o equipamento máis avanzado e preciso no tratamento do cancro
Chega a Santiago de Compostela o primeiro elemento do acelerador de protóns e os vindeiros días recibirase o resto de materiais para a instalación do equipamento completo, que financia a Fundación Amancio Ortega
Este compoñente, de 25 toneladas de peso, é fundamental no equilibrio do brazo xiratorio do equipamento e esencial na calibración da máquina de protonterapia
O equipamento compacto Proteus ONE de nova xeración optimiza tratamentos con eficiencia de alto rendemento clínico
Santiago de Compostela, 22 de novembro de 2025
O Centro de Protonterapia de Galicia que está a construír a Xunta recibiu este venres o primeiro compoñente esencial do Proteus ONE. Este equipamento tecnolóxico, financiado pola Fundación Amancio Ortega, é actualmente o máis avanzado e preciso no tratamento de pacientes con cancro. Nos vindeiros días chegarán a Galicia por vía marítima os demais compoñentes do sistema.
O compoñente que xa está en Santiago de Compostela é preciso para o equilibrio do gantry xiratorio (brazo) do equipo de protonterapia, de forma que resulta esencial na calibración da máquina, que debe asegurar un movemento preciso e suave, necesario no tratamento oncolóxico de alta eficiencia que ofrecerá a sanidade pública galega.
Os responsables de Iom Beam Applications (IBA), a compañía belga líder en terapia de protóns que fabrica e subministra a infraestrutura, recibiron con satisfacción este compoñente, de 25 toneladas de peso, chegado por transporte terrestre.
Unha vez se dispoña de todos os compoñentes necesarios para a instalación do equipo en destino programarase a súa instalación no Centro de Protonterapia de Galicia. Cómpre remarcar que a posta en marcha do ciclotrón é un proceso complexo, que require de moitas especificidades para cumprir estritamente os protocolos e as garantías exixidas.
O Centro de Protonterapia de Galicia é o proxecto que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde.
Desta forma, a Xunta prevé poder tratar os primeiros pacientes a finais do vindeiro ano, tanto galegos como de Castela e León, Asturias e o norte de Portugal.
A Xunta está a investir case 20 millóns de euros na execución das obras do edificio de protonterapia, que se dotará co equipamento achegado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.
Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.