Rueda destaca que o valor económico mineiro de Galicia pode acadar os 45.000 M€ ao contar con máis da metade das materias consideradas críticas pola UE

Asegura que un estudo revela que “Galicia rexistra unha das concentracións máis significativas de minerais críticos de Europa occidental”

Salienta que Galicia “ten unha oportunidade” na explotación destas materias primas “fundamentais para o sector da tecnoloxía dixital, a automoción ou a defensa”

A conselleira de Economía e Industria resalta que o informe, elaborado no marco dunha colaboración coa USC, revela a existencia de cinco corredores principais: Santiago-Touro-Lalín; Cabo Ortegal-Moeche; Penouta-Forcarei; San Fins-Santa Comba; e Vigo-Tui-O Porriño

“Galicia ten uns factores xeolóxicos únicos”, salienta Lorenzana

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe dos resultados dun estudo realizado no marco dunha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) sobre o potencial de elementos críticos en Galicia que revela que “o valor mineiro da comunidade pode alcanzar os 45.000 millóns de euros xa que rexistra unha das concentracións máis significativas de minerais críticos de Europa occidental”.

En concreto, o informe estima que os recursos identificados na comunidade autónoma teñen un valor económico de entre 25.000 e 45.000 millóns de euros, localizando en territorio galego 18 dos 34 elementos identificados coma críticos pola Unión Europea (UE). “É dicir, máis da metade deses elementos identificados”, indicou.

Ademais, tal e como explicou Rueda, o estudo identifica cinco corredores principais destas materias primas “fundamentais para sectores punteiros coma a automoción, a tecnoloxía dixital, o hidróxeno verde ou o sector da defensa”: Santiago-Touro-Lalín; Cabo Ortegal-Moeche; Penouta-Forcarei; San Fins-Santa Comba e Vigo-Tui-Porriño.

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, indicou que o corredor Santiago-Touro-Lalín é rico en cobre, cobalto, zinc, galio, xermanio e indio e estendese nunha lonxitude duns 80 km e 15 de ancho, abarcando unha área total de 1.200 km². “É o maior depósito de cobre en Galicia”, resaltou e unha zona crítica para tecnoloxía dixital, enerxías renovables e electrificación.

En segundo lugar, o corredor Cabo Ortegal-Moeche, rico en cromo e elementos do grupo do platino, que cos seus 25 km de lonxitude e cunha anchura de 8 km abarca unha área de 200 km². Ten un importante valor estratéxico para sectores como o hidróxeno verde, electrónica ou automoción. O terceiro corredor, Penouta-Forcarei (tantalio, niobio, litio, estaño), conta con 35 km de longo e cunha anchura de 12 e abarca unha área de 420 km². As materias primas desta zona son fundamentais para a industria tecnolóxica, para almacenamento enerxético e superaliaxes. É o único lugar con produción activa de tantalio en Europa.

San Fins-Santa Comba (volframio, estaño e bismuto), con minerais  esenciais en aliaxes de alta dureza, ferramentas industriais, defensa e electrónica de potencia, ten unha lonxitude de 45 km, unha anchura de 18 km, e abarca unha área de 810 km².  Por último, o corredor Vigo-Tui-Porriño  (terras raras), esténdese por unha lonxitude de 60 km, cunha anchura de 20, abarcando unha área de 1.200 km². É clave para a transición enerxética.

O potencial

O informe proporciona, ademais, unha avaliación integral do potencial de elementos críticos para a toma de decisións estratéxicas no ámbito dos próximos concursos de dereitos mineiros e na ordenación mineira en xeral. Así, toma como base 42.847 mostras xeoquímicas tomadas polo Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME) e a caracterización específica de 127 zonas prospectivas prioritarias, demostrando que Galicia alberga recursos primarios significativos de gran parte dos 34 materiais críticos identificados pola Unión Europea (UE). En concreto, destas 34 materias primas, na Comunidade detéctanse 18 delas -un 53 %- cun potencial significativo, di o documento.

No informe, tal e como explicou a conselleira, indícase de maneira concluínte que “Galicia posúe un potencial moi importante” para elementos críticos ao presentar “factores xeolóxicos único e un contexto xeopolítico favorable”. Pola súa parte, o presidente salientou que estes minerais son “unha oportunidade para Galicia” que hai que aproveitar “con prevención e rigor” para “garantir unha explotación sustentable”.

Na actualidade, Galicia xa conta con proxectos mineiros para a extracción de materias primas críticas e estratéxicas que se atopan en tramitación. Así, a Xunta , a través da Consellería de Economía e Industria, está a realizar un labor de ordenación mineira e potenciación destes recursos, convocando concursos de dereitos mineiros caducados para as catro provincias que permitan investigar zonas ata o de agora limitadas por non ser rexistrables.

Neste sentido, no ámbito destes cinco corredores identificados no informe hai explotacións activas, entre as que destacan: Magnesitas de Rubián no Incio (Lugo), onde se extrae magnesio, e a mina de San Xoán, de volframio, na Gudiña (Ourense).

Lei de recursos naturais

Por outra banda, existen tamén antigas explotacións como as minas de Santa Eufemia, de antimonio, en Folgoso do Courel (Lugo) ou de titanio, en Ponteceso (A Coruña). Pero ademais,  entre os proxectos que se pretenden reactivar e que están en distintas fases de tramitación están a mina de Touro (A Coruña) e a da Penouta en Viana do Bolo (Ourense), que conta con minerais como o cobalto e o tántalo, ou o coñecido complexo para litio, Alberta, entre as provincias de Pontevedra e Ourense, onde se está a tramitar o pase a concesión de explotación da mina Doade, considerada estratéxica pola UE.

Nunha clara aposta polo sector, a Administración galega convocou novamente en xaneiro de 2025 os concursos de dereitos mineiros caducados para as catro provincias cun resultado final de 18 solicitudes para A Coruña e de 2 para Ourense.

Para o efecto, tense previsto novas convocatorias para comezos do ano 2026, e nelas, ademais de materias primas clásicas, priorizaranse dereitos mineiros caducados que xa pertencen netamente ao grupo de sustancias primas críticas, como os de litio ou volframio. Os dereitos outorgados deberán cumprir os requisitos que establece a Lei de recursos naturais de Galicia, que determina que parte dos beneficios deben quedarse no noso territorio.

 

 

 

 

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2025