A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, interveu hoxe na II Conferencia nacional do sector do ocio e os espectáculos

A Xunta aposta por un modelo de ocio que combine dinamismo económico e responsabilidade social

Lorenzana salienta que se trata dun sector que xera valor económico, amplía o gasto turístico e abre novas oportunidades de negocio vinculadas á experiencia, aos eventos e á cultura

“Detrás de cada local, de cada sala, de cada evento, hai empresa, hai investimento, hai risco e hai talento”, di, para destacar que Galicia está hoxe nunha posición sólida para aproveitar esta oportunidade

A Coruña, 19 de maio de 2026

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, asegurou hoxe que o crecemento do sector do ocio ten que asentarse sobre a calidade e a excelencia empresarial, a sustentabilidade, e sobre un marco normativo adecuado.

Lorenzana interveu hoxe na II Conferencia nacional do sector do ocio e os espectáculos, onde salientou que se trata dun sector que xera valor económico, amplía o gasto turístico e abre novas oportunidades de negocio vinculadas á experiencia, aos eventos e á cultura. “Detrás de cada local, de cada sala, de cada evento, hai empresa, hai investimento, hai risco e hai talento”, recoñeceu, para destacar que Galicia está hoxe nunha posición sólida para aproveitar esta oportunidade.

A conselleira remarcou a importancia de que esta industria aposte pola profesionalización, pola innovación e por mellorar de forma continua a súa oferta. E, con respecto ao marco normativo, asegurou que “o ocio do século XXI é, necesariamente, un ocio responsable, que protexe as persoas, que respecta o contorno e que convive co conxunto da cidadanía”, asegurou.

Neste contexto, Lorenzana salientou o compromiso da Xunta co sector, que se puxo de manifesto, lembrou, durante a pandemia, cando aprobou o Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas, microempresas e para os locais de hostalería. Agora, dixo, trátase de seguir traballando en diferentes liñas para seguir facilitando a actividade económica, impulsar a modernización dos negocios, apoiar a innovación e a dixitalización e reforzar a colaboración público-privada.

O sector do ocio nocturno ten un peso destacado en Galicia, onde factura máis de 300 millóns de euros anuais e xera 10.600 empregos. Deles, 1.150 corresponden á Coruña, cunha facturación de 34,3 millóns de euros na cidade, que este ano ostenta o título de capital nacional do ocio nocturno.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/05/2026