Arias destaca o apoio da Xunta para modernizar e xerar valor engadido no sector gandeiro galego

O delegado territorial de Lugo explicou na Gandería Quintián, no Páramo, que os Plans de mellora distribuíron o pasado ano 11,6 millóns entre 90 explotacións lucenses 

O Páramo (Lugo), 24 de novembro de 2025

A Consellería do Medio Rural aprobou o pasado ano na provincia de Lugo axudas por valor de case 11,6 millóns de euros a través dos Plans de mellora, o programa de incentivos para a modernización de explotacións agrarias.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, lembrou hoxe este dato durante unha visita a Gandería Quintián, no Páramo, “unha empresa en expansión que aposta pola innovación e pola transformación para xerar valor engadido”. A firma comercializa a súa propia leite pasteurizada e distintos tipos de queixo.

O delegado gabou o impulso de Chelo López e Julio López ao fronte de Casa Quintián, “modernizando as instalacións e diversificando a produción con criterios de calidade e sostibilidade para que sexan máis rendibles”. Ao respecto, destacou o apoio do Goberno galego neste proceso ao abeiro de varias convocatorias de axudas dos últimos anos.

Arias sinalou que a Xunta “respalda os esforzos dos gandeiros e gandeiras para apuntalar un sector primario galego forte e competitivo”. En concreto, indicou que os Plans de mellora beneficiaron no pasado exercicio a 90 explotacións da provincia, 29 das cales corresponden á comarca de Sarria e suman unha contía de 4,2 millóns de euros.

Igualmente, lembrou que tamén se convocan outros programas de achegas, como os que priman a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria para favorecer a remuda xeracional, unha convocatoria dotada con 36 millóns de euros neste 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/11/2025