A Xunta financia o novo punto limpo móbil de Mondariz
A liña destinada á adquisición deste tipo de instalacións para refugallos especiais beneficiou a 10 concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 460.000 €
O delegado territorial lembrou a importancia de seguir fomentando unha separación eficaz dos residuos para conseguir espazos máis limpos e sostibles
Mondariz (Pontevedra), 24 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou o concello de Mondariz xunto ao seu alcalde, Pablo Barcia. Este foi un dos concellos beneficiados pola liña destinada á instalación de puntos limpos móbiles das axudas da Xunta para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal e que só na provincia de Pontevedra se resolveu con 10 subvencións por un importe total de 460.000 euros.
Así, Mondariz adquiriu un novo vehículo 100 % eléctrico, con batería de litio de 63 quilovatios e unha autonomía de 300 quilómetros, que permitirá transportar o novo punto limpo móbil por todas as parroquias do concello. En concreto, estará dotado de dous contedores con 15 bocas selectivas nas que os veciños e veciñas poderán depositar residuos especiais e que non contan cun lugar específico para a súa recollida, como poden ser baterías, luminarias ou mesmo cds e dvds.
Cabe destacar que isto foi posible grazas a unha achega da Xunta de preto de 90.000 euros. Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia de “seguir ofrecendo incentivos aos concellos para que melloren o seu sistema de recollida e separación de residuos, de cara a conseguir uns espazos máis limpos, máis sostibles e máis saudables para todos os galegos e galegas”.
Estas axudas para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal están cofinanciadas polo Fondo Europeo relativo ao Mecanismo de recuperación e resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU e contan con catro liñas de actuación.