O conselleiro de Sanidade mantivo esta tarde unha xuntanza cunha representación de empresarios da Barbanza acompañado do director do 061, Román Gómez
Gómez Caamaño aborda con empresarios de Barbanza a mellora da atención ás urxencias tempo-dependentes prevista coa nova ambulancia medicalizada
Os Orzamentos da Xunta para 2026 recollen os recursos necesarios para poñer en marcha a comezos de ano unha UVI móbil con base en Ribeira
En 2026, o Executivo galego mellorará o distrito sanitario de Barbanza coa adquisición dun novo ecógrafo, co impulso do Hospital de Día Oncohematolóxico e coa mellora das envolventes do hospital comarcal
Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, abordou hoxe cunha representación de empresarios de Barbanza as melloras asistenciais previstas comarca, principalmente, coa posta en servizo dunha nova ambulancia medicalizada.
Acompañado polo director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez, o conselleiro salientou que os orzamentos da Xunta para 2026 recollen os recursos necesarios para dotar o distrito sanitario de Barbanza dunha nova ambulancia medicalizada con base en Ribeira.
Neste senso, precisou que a previsión é que estea funcionamento no primeiro trimestre do vindeiro ano e a súa cobertura abranga os concellos de Rianxo, Boiro, Ribeira, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal.
Durante a reunión, na que tamén estivo presente o ata hai pouco xefe do Servizo de Cardioloxía do hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, José Ramón González Juanatey, analizáronse as melloras que se conseguirán no desprazamento de pacientes con problemas cardíacos.
Entre as melloras previstas polo Executivo galego para este distrito destaca, tamén, a licitación da redacción do proxecto do Hospital de Día Oncohematolóxico, que evitará que os pacientes barbanzanos se teñan que desprazar ata o Hospital Clínico de Santiago; a adquisición dun novo mamógrafo para o Hospital Comarcal, por un importe de 326.700 euros; ou a mellora da envolvente e da eficiencia enerxética do centro hospitalario, para a que se reservou un millón de euros.
Na xuntanza, participaron o Director xerente (CEO) de Congalsa, Luis Miguel Simarro; o presidente do Grupo JJ Chicolino, Juan José Fajardo; e a directora de Relacións Institucionais da corporación Jealsa Rianxeira, Margarita Hermo.