Belén do Campo presenta o novo camión para bioresiduos e o novo vehículo híbrido 4x4 do concello de Tordoia que contaron cunha axuda conxunta de 140.000 € para a preservación do medio ambiente
A delegada da Xunta presentou o novo camión adquirido cun apoio de 108.000 € da Consellería de Medio Ambiente para avanzar na posta en marcha dun servizo máis eficiente e sostible neste área
A achega para a compra do vehículo híbrido, de case 32.000 euros, foi do fondo de compensación ambiental competitivo que ten por obxectivo reverter o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e cohesión territorial
Tordoia (A Coruña), 25 de novembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto ao alcalde de Tordoia, Antonio Pereiro Liñares, presentou os novos vehículos que se incorporan ao parque municipal grazas a un apoio conxunto da Xunta de 144.000 euros. En concreto, 108.000 euros da Consellería de Medio Ambiente para o camión para bioresiduos e case 32.000 euros de Administración Local do fondo de compensación ambiental competitivo para a un vehículo híbrido SUV 4X4.
A delegada da Xunta destacou que o novo camión, 100% eléctrico, foi adquirido ao abeiro dunha das liñas da orde de financiamento da Consellería de Medio Ambiente para actuacións en materia de residuos de competencia municipal, destinada á implantación de sistemas de recollida separada de biorresiduos, aceites de cociña usados e téxtiles.
Belén do campo apuntou que “contar cun camión específico para a recollida selectiva de biorresiduos é esencial para que o concello poida garantir unha xestión máis sostible e responsable dos seus residuos”. Este tipo de vehículo permite realizar unha separación eficaz da materia orgánica, favorecendo a súa valorización e contribuíndo á redución do lixo que remata en vertedoiros. Ademais, mellora a eficiencia do servizo municipal e reforza o compromiso coa protección ambiental e coa economía circular.
Vehículo híbrido
A delegada presentou tamén o novo vehículo híbrido SUV 4X4 debidamente equipado para actuacións ambientais que pasa a estar a disposición do persoal municipal. Grazas a esta achega da Xunta, o concello dispón dun medio de transporte con etiqueta ECO, imprescindible para levar a cabo tarefas ambientais de forma eficiente e sustentable. Esta axuda foi do fondo de compensación ambiental competitivo que ten por obxectivo reverter o canon eólico en actuacións de conservación, restauración ambiental e cohesión territorial
Este novo recurso permitirá: realizar un control máis eficiente das infraccións ambientais; supervisar de maneira óptima os traballos da brigada municipal de obras; optimizar a resposta municipal ante catástrofes naturais, como incendios, inundacións, temporais ou vertidos.; facilitar o traballo de todo o persoal implicado en actuacións ambientais e garantir unha vixilancia estrita dos vertidos incontrolados.
Os servizos ambientais municipais, reforzados con este novo vehículo, desenvolverán tarefas clave como xestión de residuos, control da contaminación, conservación dos recursos naturais, fomento do desenvolvemento sostible, ducación e concienciación ambiental, labores de inspección e seguemento.
“Co apoio da Xunta —apuntou a delegada—, seguimos avanzando cara a un modelo municipal máis sostible, máis seguro e máis comprometido coa protección dos recursos naturais e coa educación ambiental dos veciños”
A través destas iniciativas, a Xunta mantén o seu apoio aos concellos galegos para a preservación do medio ambiente ao tempo que promove unha xestión eficiente e responsable dos recursos naturais, consolidando así unha Galicia máis verde, equilibrada e sostible.
Con todas estas iniciativas, o Concello de Tordoia reafirma o seu compromiso coa xestión responsable dos residuos e co impulso de prácticas que favorezan a economía circular e a protección do medio ambiente.