A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático visitou hoxe o refuxio inclusivo instalado na praia de Covas
A Xunta salienta en Viveiro a importancia das praias inclusivas e a instalación de estruturas climáticas sostibles nos areais
Ángeles Vázquez sinala que esta iniciativa pretende avanzar na creación de espazos litorais mais accesibles, inclusivos e adaptados ás necesidades de toda a cidadanía
Estes refuxios inclusivos, que xa están instalados en Baiona e O Porto do Son, intégranse de forma respectuosa na contorna e na paisaxe e están deseñados para ofrecer unha zona de sombra na que refuxiarse en caso de altas temperaturas
Caracterízanse por contar con accesos sen barreiras arquitectónicas, espazos amplos que permiten a mobilidade de persoas usuarias de cadeiras de rodas e sinalización táctil e visual adaptada
Viveiro (Lugo), 29 de xullo de 2026
A Xunta continúa en Viveiro o seu proxecto piloto de praias inclusivas, que consiste na instalación de estruturas climáticas sostibles nos areais co obxectivo de que sirvan de refuxio ás persoas con problemas de mobilidade en episodios de altas temperaturas.
Neste senso, a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá o refuxio inclusivo instalado na praia de Covas, no concello de Viveiro, que xunto cos instalados xa nos areais do Cruceiro, no Porto do Son e A Ladeira, en Baiona, serán os primeiros en poñer en marcha esta novidosa iniciativa este mesmo verán, que conta cun orzamento de 85.0000 euros.
Segundo explicou Ángeles Vázquez, este proxecto ten como finalidade avanzar na creación de espazos litorais máis accesibles, inclusivos e adaptados ás necesidades de toda a cidadanía. Deste xeito, estas instalacións facilitarán un uso máis seguro e cómodo da praia para as persoas con mobilidade reducida ou con dificultades de desprazamento.
Ademais, a conselleira fixo fincapé en que estas estruturas intégranse de forma respectuosa na paisaxe costeira e responden ao compromiso do Goberno galego de apostar por un desenvolvemento sostible do litoral a través do equilibrio entre a conservación dos seus valores ambientais e o seu uso e desfrute por parte de veciñanza e visitantes.
Ángeles Vázquez incidiu así mesmo en que iniciativas como a presentada en Viveiro, contribúen ao cumprimento dos requisitos asociados a distintivos de calidade ambiental e de servizos como a Bandeira Azul e a Bandeira Verde, xa que melloran as condicións de accesibilidade, sostibilidade e confort dos espazos públicos.