Román Rodríguez insta ao Goberno central a solucionar as discrepancias entre ministerios que poñen en risco o programa de auxiliares de conversa

Remite unha carta á ministra de Educación na que lamenta que non estea a defender unha iniciativa que tan bos resultados deu nos últimos anos

Cualifica como ”incomprensible” o que está a ocorrer con este programa

O conselleiro de Educación lamenta tamén que a orde do día da Comisión Xeral de mañá non inclúa o Anteproxecto de lei polo que se modifican as ratios

Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, vén de remitir unha carta á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, para instala a que solucione as discrepancias entre ministerios do mesmo goberno que están a poñer en perigo o programa de auxiliares de conversa. Cómpre lembrar que o Ministerio de Traballo está a cuestionar as condicións establecidas polo Ministerio de Educación para estas persoas, esixíndolles un contrato laboral no réxime da Seguridade Social, cando estes auxiliares están definidos como persoas que participan nun intercambio cultural.

Román Rodríguez cualifica como “incomprensible” o que está a ocorrer con este programa e lamenta que o Ministerio de Educación “non estea a defender unha iniciativa que tan bos resultados ofreceu nos últimos anos”.

“As comunidades autónomas que seguimos as directrices do teu Ministerio atopámonos agora indefensas diante do cuestionamento que o Ministerio de Traballo está a realizar desta iniciativa”, explica na misiva. Neste sentido, o conselleiro incide en que desde Galicia sempre se traballou no marco fixado polo Goberno central nunha iniciativa que leva funcionando 15 anos con éxito e sinálao como un “conflito innecesario que prexudica ao alumnado e á aprendizaxe de idiomas, unha situación moi difícil de explicar más alá da incoherencia política”.

O programa de auxiliares de conversa está deseñado polo Ministerio de Educación e no mesmo estas persoas non teñen a condición de traballadores do Réxime Xeral da Seguridade Social, que agora quere esixir a Inspección de Traballo. Non obstante, contan con todas as coberturas, cun seguro médico, así como cun ingreso en concepto de axuda para gastos de aloxamento e manutención que sufraga a propia Xunta. De feito, é o Goberno galego é que se fai cargo da maior parte do custo do programa (4,8 M€ dos 5,2 M€ totais). En definitiva, un Ministerio cuestiona e quere anular un problema doutro Ministerio. 

Sen diálogo coas comunidades autónomas

Por outra banda, o conselleiro amosa tamén a súa sorpresa na carta polo feito de que a orde do día da Comisión Xeral de Educación que se celebra mañá non inclúe ningún punto relativo ao Anteproxecto de lei co que o Goberno central pretende modificar as ratios máximas nas aulas, entre outros aspectos, sen ningún diálogo previo das comunidades autónomas.

“Como ben sabes, practicamente todos os aspectos contemplados neste texto corresponden a competencias e desenvolvementos autonómicos –indica–. E ata onde sabemos, o texto carece de memoria económica”. “Este proceder contravén o marco de relacións institucionais que debe rexer entre as administracións”, lamenta, facendo un chamamento á reflexión para que se conte coas comunidades no desenvolvemento desta normativa.

Data de actualización: 25/11/2025