A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Monbus Obradoiro suman esforzos a prol da doazón de sangue
A entidade deportiva e a ADOS desenvolverán este mes de novembro iniciativas conxuntas destinadas a fomentar este xesto solidario entre todos os veciños e veciñas de Santiago de Compostela
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Monbus Obradoiro presentaron esta mañá en rolda de prensa unha campaña especial que terá lugar este mes de novembro destinada a fomentar o altruísta xesto da doazón de sangue entre os veciños e veciñas de Santiago de Compostela. A directora da Axencia, Marisa López García, quixo agradecer ao Monbus Obradoiro a súa longa traxectoria de colaboración e compromiso co solidario xesto da doazón e pediulle ao director xeral do club, Héctor Galán, que transmitise o recoñecemento polo seu compromiso altruísta a todos os membros da familia obradoirista.
A dirección da ADOS salienta a importancia da colaboración de colectivos e institucións procedentes de todos os ámbitos para acadar unha conciencia social favorable á doazón de sangue como, nesta nova oportunidade, está a impulsar o Monbus Obradoiro, xa que aúna os positivos valores do deporte á mensaxe de solidariedade que transmite a Axencia.
Agasallando a solidariedade
No transcurso da campaña de doazón do 26 de novembro, unha unidade móbil da ADOS estará estacionada na santiaguesa Praza Roja das 15:30 ás 21:00 horas, para atender a todas as persoas que desexen doar sangue. Todas elas recibirán, como agasallo pola súa colaboración, unha entrada (ata esgotar existencias) cedidas polo Monbus Obradoiro para o encontro que o equipo santiagués disputará o vindeiro sábado 6 de decembro fronte ao Flexicar Fuenlabrada no Multiusos de Sar. Ademais, todas as persoas que doen sangue entrarán no sorteo dun agasallo asinado polo cadro de xogadores do Monbus Obradoiro.
Durante as xornadas previas a esta campaña especial de doazón, tanto a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue como o equipo compostelán están a informar nas súas redes sociais da importancia de participar activamente nas campañas de doazón de sangue e, concretamente, convidando a doar sangue o vindeiro mércores 26 de novembro.
Índice de doazón
A directora da Axencia lembrou o carácter solidario dos veciños e veciñas de Santiago de Compostela que, no pasado ano 2024, situaron á capital galega como a primeira das sete grandes cidades galegas en taxa de doazón, cun índice de 85 doazóns por cada 1.000 habitantes e ano, grazas ás 8.457 doazóns rexistradas no transcurso do pasado exercicio.
ADOS quere agradecer a todos os membros do Monbus Obradoiro (directiva, corpo técnico, xogadores, seareiros e seareiras...) a súa especial sensibilidade en torno á doazón de sangue, así como o seu decidido compromiso para impulsar este xesto solidario en Santiago de Compostela, agardando que, coa súa contribución, a cidade continúe sendo un dos concellos galegos con maior número de doazóns de sangue.