María José Gómez salienta o potencial do mel en Galicia, amparado pola súa calidade e polas condicións específicas do territorio

A conselleira do Medio Rural asistiu esta mañá á cata-concurso da XXIV Cata dos Meles que organiza a Xunta en colaboración co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia

Nesta edición participan un total de 58 mostras procedentes de 28 industrias

O obxectivo, segundo explicou Gómez, é premiar a excelencia desta produción e recoñecer o bo facer e a dedicación dos profesionais galegos neste sector

Boqueixón (A Coruña), 25 de novembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, puxo hoxe en valor a calidade do mel galego e as especiais condicións climáticas, edafolóxicas e de influencia marítima da nosa comunidade, que propician unha flora rica e variada, ideal para elaborar este produto en todas as súas vertentes. Así o salientou durante a súa asistencia á cata-concurso da XXIV Cata dos Meles que organiza a Xunta en colaboración co Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia, e que se desenvolve no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón).

A conselleira, que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, explicou que esta cata, ao igual que as de viños, licores, augardentes ou queixos, serve para premiar a excelente calidade coa que contan as producións agroalimentarias da nosa terra. Tamén, para recoñecer o bo facer e a dedicación dos profesionais galegos que apostan polo medio rural en xeral e pola produción de calidade certificada en particular como o seu modo de vida.

Nesta vixésimo cuarta edición da cata dos meles participan un total de 58 mostras procedentes de 28 industrias. Todas elas compiten para ser as mellores nas categorías de meles monoflorais (18 mostras), multiflorais (24 mostras) e de melada ou de bosque (5 mostras). Así mesmo, existe tamén un galardón específico para o mellor mel elaborado por artesáns (11 mostras), nunha categoría na que a IXP Mel de Galicia conflúe co selo de Artesanía Alimentaria, aportándolle valor engadido e garantindo un proceso de elaboración  e produción completamente artesanal. Asemade, sinalou que este certame é proba da Galicia Calidade que representa o sector agroalimentario galego.

Neste marco, a conselleira salientou tamén o valor histórico e patrimonial do mel galego, que se manifesta na existencia dun patrimonio etnográfico con moitas testemuñas culturais, como son os cortizos ou as alvarizas.

A importancia da IXP

Gómez fixo fincapé, asemade, no produto amparado pola IXP, un aval que garante unha excelente calidade en todo o seu proceso e certifica que o mel foi sometido a controis dende a colmea ata o punto de venda. Lembrou, neste sentido, que segundo datos de 2024 hai máis de 38.500 colmeas e 240 apicultores adheridos a este selo, cunha produción comercializada de case 204.000 quilogramos e un valor estimado de 1,8 millóns de euros.

Neste mesmo contexto, a titular de Medio Rural reiterou que a promoción da calidade diferenciada agroalimentaria galega é unha prioridade para a Xunta. Por iso, subliñou, o Plan Saborea Calidade Diferenciada de Galicia contará o vindeiro ano cun investimento de 10 millóns de euros, dous máis con respecto ao exercicio de 2025.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/11/2025