A Xunta asina un convenio co Ministerio de Sanidade e a entidade pública empresarial Red.es para investir 9,3 M€ no desenvolvemento de servizos dixitais sanitarios
A adhesión de Galicia aos proxectos estatais permitirá avanzar na monitorización remota de patoloxías crónicas e telecoidados, que xa conta con máis de 24.000 pacientes na comunidade
Impulsarase, tamén, o diagnóstico e seguimento de enfermidades raras a través da plataforma ÚNICAS, además da integración no Espazo nacional de datos e da rede de interoperabilidade da imaxe médica no Sistema Nacional de Saúde
O Servizo Galego de Saúde comezou a dixitalización de imaxes médicas hai máis de 20 anos e supera os 40 millóns de imaxes dixitalizadas almacenadas
Galicia é pioneira en facilitar aos pacientes a súa información clínica e no que vai de 2025 a cidadanía descargou máis de 270.000 estudos de imaxe nos seus propios dispositivos electrónicos
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2025
A Consellería de Sanidade vén de asinar un convenio de colaboración co Ministerio de Sanidade e coa entidade pública empresarial Red.es que permitirá o investimento de 9,3 M€ no desenvolvemento de servizos dixitais intelixentes na sanidade pública.
Cun investimento global de 9.345.705 euros durante catro anos, e financiado pola Unión Europea a través do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), a adhesión de Galicia ao acordo permitirá abordar a aplicación de técnicas de intelixencia artificial e analítica avanzada na información clínica e de xestión, o desenvolvemento de programas de monitorización remota de patoloxías crónicas e telecoidados, o diagnóstico e seguimento de enfermidades raras a través da plataforma ÚNICAS, a integración de datos no Espazo nacional de datos de saúde e a rede de interoperabilidade de imaxe médica no Sistema Nacional de Saúde.
Respecto da monitorización de pacientes, actualmente Galicia xa conta nas súas plataformas con máis de 24.000 pacientes activos e máis de 120 millóns de biomedidas recollidas desde o inicio do despregue da plataforma dixital de teleasistencia Telea.
Cada día, o Servizo Galego de Saúde recibe a través de Telea máis de 400.000 biomedidas de dispositivos de medición de glicosa, cardioimplantables ou equipos de medición de INR (a medida estandarizada do tempo que tarda o sangue en coagular).
Probas de imaxe no móbil
Igualmente, Galicia foi pioneira na dixitalización da imaxe do Servizo Galego de Saúde, que comezou hai máis de 20 anos. O número de estudos de imaxe dixitalizada almacenados actualmente supera os 40 millóns, o cal é un importante activo para a xestión clínica diaria e para a investigación clínica.
Todas as imaxes están en formato interoperable e accesibles en calquera centro sanitario galego a través da plataforma de historia clínica electrónica IANUS.
Ademais, Galicia é referente en poñer á disposición da cidadanía os seus estudos dixitais a través do portal É-Saúde. Só no que vai de 2025 xa foron xerados máis de 3,5 millóns de estudos de imaxe e os pacientes xa descargaron máis de 270.000 estudos nos seus propios dispositivos electrónicos.
Por outra banda, a Consellería de Sanidade aspira a avanzar no uso de algoritmos de intelixencia artificial e a súa aplicación ás imaxes do Servizo Galego de Saúde. Neste momento, xa se supera o millón de estudos procesados por intelixencia artificial nas sete áreas sanitarias en ámbitos como a detección de lesións óseas e torácicas ou as mamografías do cribado de detección precoz de cancro.