A Xunta gaba a importancia de certames como ‘Educasenda’ para fomentar desde as aulas a concienciación sobre o coidado do patrimonio natural

O conselleiro de Educación participa na entrega dos galardóns desta iniciativa, na que concorreron máis de 350 alumnos de sete centros da Costa da Morte

Santiago de Compostela,  26 de novembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, gaba a importancia de certames como Educasenda no ámbito educativo na medida en que se fomenta, desde as aulas, a adquisición de coñecementos por parte dos estudantes dun xeito lúdico, competencial e multidisciplinar posto que aprenden traballando en ámbitos como a bioloxía, a xeografía, as matemáticas ou a comprensión e exposición oral, entre outros. Así pois, esta iniciativa tamén contribúe a afianzar a conciencia mediambiental na que os estudantes galegos xa son líderes, como reflicte o estudo TIMSS da Asociación Internacional para a Avaliación do Rendemento Educativo, que sitúa a Galicia á cabeza de España neste eido ao obter os alumnos 533 puntos, superando en 23 puntos os 510 do Estado.

Así o salientou esta mañá con motivo da entrega de premios desta iniciativa impulsada pola Fundación Galicia Sustentable co apoio da Xunta de Galicia na que participaron un total de 356 alumnos de ESO de sete centros educativos da Costa da Morte. Trátase do Colexio Público Integrado As Revoltas (Cabana De Bergantiños) e dos institutos Pedra Da Aguia (Camariñas), Eduardo Pondal (Ponteceso), Urbano Lugrís (Malpica), Terra De Soneira (Vimianzo), Lamas Do Castelo (Carnota) e Fin Do Camiño (Fisterra)

Un dos obxectivos da Fundación Galicia Sustentable é  o fomento nos centros escolares de actividades de concienciación por parte dos alumnos sobre o coidado do medio natural da costa galega a través de actividades educativas como a elaboración de curtametraxes sobre a Senda Litoral de Galicia e a súa contorna elaboradas polos alumnos. De feito, tres delas serán seleccionadas para proxectarse no Festival de Cans no Porriño.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025