O delegado territorial en Pontevedra destaca o gran esforzo que se está a facer desde a Xunta para a internacionalización das empresas galegas durante unha visita a unha empresa na Cañiza
Reguera visitou as instalacións de Soluciones Para el Rural S.L., que recibiu axudas por valor de 110.000 euros para a súa internalización e dixitalización
Estas axudas contan, na anualidade do 2025, cun orzamento total conxunto de máis de 11 millóns de euros
A Cañiza (Pontevedra), 25 de novembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou as instalacións da empresa Soluciones Para el Rural Integra S.L., no concello da Cañiza, que foi unha das beneficiadas polas axudas da Xunta para a a internacionalización e dixitalización das empresas galegas.
En concreto, esta empresa centrada na sustentabilidade e innovación agraria, recibiu unha axuda de máis de 64.000 euros para a execución de accións de promoción exterior e outra de preto 44.000 euros para a súa internacionalización dixital.
O delegado territorial destacou durante a visita o “gran esforzo que nos últimos anos se está a levar a cabo, tanto por parte da administración autonómica como das empresas, para modernizar e actualizar o tecido produtivo galego co obxectivo de facelo máis competitivo tanto dentro como fora das fronteiras españolas”.
Cabe destacar que estas axudas contan, na anualidade de 2025, cun orzamento total conxunto de máis de 11 millóns de euros que están a permitir mellorar a os sistemas dixitais e potenciar o departamento de internacionalización de moitas empresas galegas.