A Xunta avanza na recuperación das zonas afectadas por incendios con actuacións en vías e devasas

A conselleira do Medio Rural visitou unha zona na parroquia do Sesto, en Agolada, onde están a acometerse rozas en máis de 26 quilómetros de faixas forestais, traballos de restauración de preto de 500 metros de zonas cortalumes e en algo máis de dous quilómetros de estendido de terras, e tamén se están reparando os accesos en máis de 29 quilómetros

Lembrou que a prevención dos lumes é unha prioridade para o Goberno autonómico que no 2026 contará cun orzamento de 75,38 millóns de euros, un 50 % máis que no presente exercicio

Actualmente está a pecharse unha nova colaboración con Seaga e a Fegamp para apoiar ás administracións locais na xestión da biomasa nas faixas secundarias, cun aumento de orzamento, que se duplica no 2026 ata chegar aos 25 millóns de euros

Agolada (Pontevedra), 26 de novembro de 2025

A Consellería do Medio Rural está a desenvolver xa actuacións para recuperar as zonas afectadas polos incendios forestais deste verán. A titular deste departamento, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e a directora de Seaga, Luisa Piñeiro, visitou hoxe unha zona da parroquia do Sesto, no concello pontevedrés de Agolada.

Gómez explicou que nesta zona están a desenvolverse obras de reparación de vías e áreas devasa. Os traballos realízanse a través da empresa pública Seaga e, en concreto, están a acometerse rozas en máis de 26 quilómetros de faixas forestais, traballos de restauración de preto de 500 metros de zonas cortalumes e en algo máis de dous quilómetros de estendido de terras. Así mesmo, están reparándose os accesos en máis de 29 quilómetros.

Todas estas accións van encamiñadas a recuperar as infraestruturas rurais danadas polos incendios, co fin de mantelas operativas e en boas condicións. Así mesmo, en toda a provincia de Pontevedra tamén se están levando a cabo outras actuacións enfocadas á rehabilitación de accesos nas zonas dos lumes e á mellora de drenaxes. Estase conseguindo mediante a recuperación de cunetas e das canalizacións para unha correcta evacuación da auga, evitando danos estruturais nas pistas. Xa se actuou en máis de 100 quilómetros de pistas en toda a provincia e o obxectivo é seguir traballando nesta liña.

A prevención de incendios como prioridade

Nesta sentido, lembrou que a prevención e extinción dos lumes é unha das prioridades para o Goberno autonómico, unha eido no que se mellora ano tras ano e no que Galicia está a consolidada como unha referencia a nivel internacional. Este compromiso reflíctese nos orzamentos, que no ano 2026 ascenden a 75,38 millóns de euros para prevención, un 50 % máis con respecto ao presente 2025- e 40,6 millóns restantes a extinción.

A conselleira sinalou que, a pesar de que a maior parte das accións preventivas, sobre todo a xestión da biomasa, corresponden aos propietarios; a Xunta de Galicia fai todos os anos un importante esforzo nas actuacións propias como xestión de cortalumes, pistas forestais ou puntos de auga.

Reforzo do convenio da xestión da biomasa

Asemade, recordou que a responsabilidade de manter as faixas secundarias limpas é de propietarios en primeira instancia e, se estes non cumpren coas súas obrigas, os responsables son os Concellos, que deberán facelo de xeito subsidiario, como recolle a normativa. Nun contexto destas características, co fin de apoiar ás Administracións locais nesta tarefa, a Consellería do Medio Rural puxo en marcha o convenio con Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Gómez sinalou que está a pecharse unha nova colaboración nesta materia con melloras como o aumento de orzamento, que se duplica no 2026 ata chegar aos 25 millóns de euros; o incremento das parroquias priorizadas, a axilización das execucións subsidiarias urxentes nas zonas de maior risco de incendio e afondando no apoio prestado aos municipios de menos de 10.000 habitantes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/11/2025