A Xunta reitera á Confraría da Coruña a súa colaboración para a instalación dun punto de control
Santiago de Compostela, 26 de novembro de 2025
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, mantivo un novo encontro con representantes da Confraría de Pescadores da Coruña no que trasladou o apoio da Xunta a esta entidade. Na xuntanza manifestou a colaboración da Consellería do Mar para procurar solucións para a instalación dun punto de control de cara ao inicio da campaña do marisqueo a pé.
A responsable autonómica subliñou que ata o momento estase ofrecendo asesoramento técnico ao pósito valorando distintas opcións co obxectivo de contar cunha alternativa para realizar os labores de control. Deste xeito, puxo en valor a actuación da Administración autonómica, traballando en todo momento man a man co sector, para garantir o correcto desenvolvemento da actividade extractiva na ría do Burgo.