A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria da Consellería de Sanidade, Sofía López Linares, interveu hoxe no Parlamento de Galicia
A Xunta salienta o incremento sostido de profesionais de atención primaria rexistrado en Galicia desde 2014
A Consellería de Sanidade defende a correcta planificación das prazas necesarias para a formación anual de médicos en Galicia, de acordo coas baixas previstas no sistema
A directora xeral de Planificación de Reforma destaca que o acordo de desconvocatoria de folga acadado con catro forzas sindicais permitirá garantir a asistencia sanitaria de forma compatible con melloras laborais para os profesionais
Remarca as medidas adoptadas nos últimos anos para mellorar as retribucións dos médicos de familia e incentivar a retención dos especialistas cando rematan a formación MIR
O Servizo Galego de Saúde ofrece contratos de tres anos para quen se especializa en Medicina Familia e Comunitaria en Galicia e ofertou xa por concurso de méritos sen oposición 178 prazas de médicos de familia e 60 de pediatras de primaria
Incentívase a elección de prazas de difícil cobertura, chegando a duplicar as retribucións por traballar en áreas rurais ou afastadas das cidades
Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2025
A directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares, remarcou hoxe no Parlamento de Galicia o incremento sostido de profesionais que rexistra a atención primaria na sanidade pública galega desde o ano 2014. Ademais, destacou que o acordo de desconvocatoria de folga acadado con catro forzas sindicais permitirá garantir a asistencia sanitaria de forma compatible con melloras laborais para os profesionais.
No marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, López Linares puxo en valor a planificación que realiza a Xunta de Galicia das prazas que son necesarias para a formación de médicos de acordo coas baixas que se prevén cada ano no sistema.
Así, trasladou as principais conclusións do informe Valoración das necesidades de médicos/as para o sistema sanitario de Galicia. Análise de baixas esperadas e facultativos especialistas que finalizan a súa formación no Servizo Galego de Saúde durante o período 2025–2037”, elaborado pola Consellería de Sanidade en colaboración co Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia, dependente da Universidade de Santiago de Compostela.
Segundo apuntou, a Consellería de Sanidade mellora a planificación de recursos humanos, xa que achega de forma innovadora unha metodoloxía estatística formal e con proxección probabilística a futuro, incluíndo probabilidades anuais de xubilación tendo en conta o máximo de prolongación vixente ata os 70 anos e tamén outras causas de baixa, como invalidez, falecementos ou excedencias.
Este estudo sinala que a partir de 2028 hai unha tendencia descendente en canto ás baixas anuais de médicos, por debaixo das 300, a medida que a pirámide de idade do persoal se vai rexuvenecendo. En paralelo, as altas de novos médicos formados en Galicia e que se incorporarán ao sistema crece progresivamente ata situarse na contorna das 500 altas anuais de cara a 2029.
Xunto con isto, a directora remarcou como os datos mostran que Galicia incrementou o persoal de atención primaria de forma sostida desde 2014.
Neste sentido fixo referencia a varias liñas da estratexia da Consellería de Sanidade para ofrecer estabilidade laboral. De forma pioneira, lévanse convocadas por concurso de méritos, sen exame, 178 prazas de médicos de familia e 60 de pediatras de atención primaria.
Paralelamente, estase a resolver a última oferta de emprego público de estabilización de medicina de familia e pediatría de primaria e, para conciliar a mobilidade voluntaria dos profesionais, tamén o concurso de traslados que no Servizo Galego de Saúde é aberto e permanente.
Outra medida de fidelización clave é a oferta de contratos de tres anos aos MIR que finalizan a súa residencia en Galicia, o que evita o cambio a outras comunidades e permite que o profesional planifique o seu proxecto vital no Servizo Galego de Saúde.
Sofía López Linares destacou a mensaxe para calquera novo médico de familia: “se elixes Galicia, terás un horizonte estable, opcións reais de praza fixa e un itinerario previsible desde o final da residencia.”
Nas prazas de difícil cobertura, incrementáronse as retribucións, chegando a duplicarse nestas zonas para recoñecer o esforzo de traballar en áreas rurais ou afastadas.
O Servizo Galego de Saúde tamén deseña programas extraordinarios para reforzar a intersubstitución e a cobertura de ausencias en centros rurais e puntos de atención continuada, combinando ampliacións de xornada incentivadas e participación voluntaria doutros dispositivos.