A Xunta inviste 48.000 euros para duplicar a capacidade do comedor escolar do CPI Plurilingüe Alfonso VII

A actuación consistiu na adaptación dos antigos vestiarios do pavillón escolar, que agora albergan o novo comedor

O delegado territorial asegurou que o novo comedor entrará en funcionamento á volta das vacacións de Nadal

Reguera lembrou o gran investimento da consellería de Educación en Caldas de Reis e destacou as obras no IES Aquis Celenis, que contan cun orzamento total de 5,4 millóns de euros

Caldas de Reis (Pontevedra), 27 de novembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o CPI Plurilingüe Alfonso VII, no concello de Caldas de Reis, onde a Xunta está a rematar as obras que convertirán os antigos vestiarios do pavillón escolar nun novo comedor.

Os traballos, que son posibles grazas a un investimento de preto de 48.000 euros, permitirán aumentar o número de usuarios do comedor dos 40 comensais simultáneos actuais a preto do dobre.

Para realizar esta obra utilizouse a estrutura dos antigos vestiarios, xa que o alumnado utiliza agora os do complexo deportivo municipal próximo ao centro, e foi necesaria a demolición de varios tabiques interiores, así como a renovación da instalación eléctrica e de fontanería.

O delegado territorial destacou o bo resultado da obra que previsiblemente rematará nas próximas semanas e que permitirá comezar a usar este novo comedor á volta das vacacións de Nadal. “Este é un exemplo de eficiencia e de como, cunha boa planificación, podense dar solucións axeitadas e moi utiles sen facer grandes desembolsos económicos”.

Reguera tamén aproveitou a visita a Caldas de Reis para poñer en valor a gran obra que se está a levar a cabo no IES Plurilíngüe Aquis Celenis que custará un total de 5,4 millóns de euros e que supón o maior investimento en educación de Galicia nos orzamentos do 2026, cunha achega anual de case 1,56 millóns de euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/11/2025