O conselleiro de Sanidade, acompañado da directora de Recursos Económicos, Amparo Pousada, e do xerente da área de Santiago e Barbanza, Ángel Facio, mantivo este xoves pola tarde unha xuntanza coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro

Gómez Caamaño aborda coa alcaldesa de Ribeira a ampliación de espazos no centro de saúde actual mentres se avanza nos terreos do novo equipamento

O conselleiro traslada a intención do Servizo Galego de Saúde de deseñar o novo centro de saúde de Ribeira cos espazos necesarios para acoller a unidade asistencial á drogodependencia, logo da súa completa integración no Sergas a partir de 2026

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo unha xuntanza na tarde deste xoves coa alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, na que abordaron a ampliación de espazos no actual centro de saúde da localidade mentres o Concello continúa a traballar para conseguir unha parcela idónea na cal construír un novo equipamento.

Na reunión, celebrada no Edificio Administrativo de San Lázaro, tamén participaron a directora de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, o xerente da área de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, e o primeiro tenente de alcalde do Concello de Ribeira, Vicente Mariño.

Gómez Caamaño trasladou que o obxectivo da Xunta incluír a asistencia á drogodependencia no deseño do novo centro de saúde de Ribeira, xa que a unidade municipal pasará a estar integrada por completo no Servizo Galego de Saúde a partir do 1 de xaneiro de 2026.

A previsión da Consellería de Sanidade é, unha vez cedidos os terreos adecuados por parte do Concello, construír un novo centro de saúde que suporá un incremento de espazos de máis do dobre do actual.

No encontro, a alcaldesa tamén se interesou pola situación da atención primaria no municipio, condicionada, tal e como explicou o conselleiro, polo déficit de profesionais en determinadas especialidades, como médico de familia e pediatría, que están a sufrir todas as comunidades para o que o Goberno central debe poñer solucións efectivas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025