O seguimento da folga sanitaria na atención primaria acada o 6,99 % na quenda de mañá

De acordo ás sete áreas sanitarias galegas, o seguimento da folga nos servizos de atención primaria oscila entre o 10,40 % rexistrado na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza e o 1,45 % da área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

Santiago de Compostela, 28 de novembro de 2025

A folga sanitaria convocada por dúas organizacións sindicais acadou, durante a quenda de mañá, un seguimento do 6,99 % na totalidade dos centros sanitarios de atención primaria da comunidade galega.

De acordo cos datos das sete áreas sanitarias que conforman o Servizo Galego de Saúde, durante esta mañá na área sanitaria da Coruña e Cee o seguimento da folga acadou o 5,03 %; na área de Santiago de Compostela e Barbanza, o 10,40 %; na de Ferrol, 6,76 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, o 2,89 %; na área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, o 1,45 %; na de Pontevedra e O Salnés, o 4,44 %; e na área sanitaria de Vigo, o 4,51 %.

A Consellería de Sanidade e as organizacións sindicais da Mesa sectorial CSIF, CCOO, UGT e tamén SIMEGA acordaron na xornada deste luns unha serie de melloras de tipo económico, organizativas e laborais para o persoal sanitario.

A sanidade pública galega está a responder axeitadamente á demanda asistencial que se presentou ata o de agora nos centros sanitarios galegos.

A Xunta continúa a traballar co obxectivo de ofrecer unha atención sanitaria óptima a toda a cidadanía e para acadar as mellores condicións laborais para o conxunto de profesionais, ben sexa na atención primaria ou hospitalaria.

Folga TCAEs

Pola súa parte, a folga de ámbito estatal convocada na categoría de técnicos de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) para exixir da Administración central unha corrección do seu recoñecemento acadou no día de hoxe na quenda de mañá unha participación no conxunto de Galicia do 8,28 %.

Por áreas sanitarias, na da Coruña e Cee a participación foi do 7,92 %; na de Santiago de Compostela e Barbanza do 1,72 %; na de Ferrol do 1,11 %; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos do 6,16 %; na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras do 7,80 %; na de Pontevedra e O Salnés do 14,89 %; e na de Vigo do 16,52 %.

Data de actualización: 28/11/2025