Gómez Caamaño destaca o proxecto pioneiro nos centros de saúde do Porriño, Ponteareas e Redondela para administrar tratamentos oncohematolóxicos, que beneficiou xa a máis de 100 pacientes

O centro de saúde de Tomiño será o próximo en incorporar a aplicación deste tipo de tratamentos

Desde mediados dos anos noventa, os hospitais públicos de Vigo realizaron máis de 1.400 terapias celulares das que se beneficiaron un milleiro de pacientes

Salienta o feito de que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro fose o primeiro centro sanitario público español en aplicar unha terapia xénica para tratar a hemofilia B

Vigo, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá as Xornadas conmemorativas dos 30 anos de terapia celular en Vigo, un acto no que destacou o proxecto pioneiro de administración de tratamentos oncohematolóxicos nos centros de saúde do Porriño, Ponteareas e Redondela, que xa beneficiou a máis de 100 pacientes.

Segundo apuntou o titular de Sanidade, a descentralización dos tratamentos hematolóxicos e oncolóxicos supuxo unha importante mellora na atención destes pacientes, e apuntou que, proximamente, a aplicación destes tratamentos tamén estará dispoñible no centro de saúde de Tomiño.

Desde o ano 1995, no que se realizou o primeiro transplante de medula, os hospitais públicos de Vigo contabilizan máis de 1.400 terapias celulares das que se beneficiaron  un milleiro de pacientes galegos.

O conselleiro de Sanidade puxo de relevo o importante equipo de profesionais e investigadores cos que conta a área sanitaria viguesa neste eido da Medicina, que posibilitou acadar fitos sanitarios como que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro fose o primeiro centro sanitario público español en aplicar unha terapia xénica para tratar a hemofilia B.

Acompañado polo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, e pola directora da  Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, o responsable autonómico tamén destacou a autorización oficial do Ministerio de Sanidade para que o Complexo Hospitalario de Vigo poida aplicar terapias CAR-T en adultos.

O vindeiro ano, o Centro de Terapias Avanzadas de Galicia iniciará a produción propia de dous fármacos Car-T, nomeadamente, para o tratamento do mieloma múltiple e fronte a diferentes patoloxías autoinmunes.

O conselleiro remarcou que Xunta e a Consellería de Sanidade, seguirán a traballar co obxectivo de que a poboación de Vigo e de toda Galicia poidan dispor do mellor sistema sanitario posible e así acceder ás terapias máis novidosas.

O acto tamén contou coa presenza da  xefa do Servizo de Hematoloxía e Hemoterapia da área sanitaria de Vigo, Carmen Albo; e da presidenta da Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (ASOTRAME), Cristina Piñeiro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025