O conselleiro de Sanidade, xunto coa xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, interveu no acto de inauguración da LXIX Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia

Gómez Caamaño sinala a área sanitaria de Ferrol como referencia en cirurxía robótica, superando as 1.500 intervencións desde 2021 e con máis de 500 neste ano

O Servizo Galego de Saúde ten plenamente integrado o uso do robot Da Vinci en múltiples especialidades, desde cirurxía xeral ata uroloxía ou xinecoloxía

Ferrol, 28 de novembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou as cifras de actividade da área sanitaria de Ferrol en cirurxía robótica, que a colocan como referencia neste ámbito ao superar as 1.500 operacións desde 2021 e realizando só no que vai de ano máis de 500.

Gómez Caamaño, acompañado da xerente da área sanitaria de Ferrol, Fernanda López, interveu no acto de inauguración da LXIX Reunión da Sociedade de Cirurxía de Galicia, celebrado no auditorio do Hospital Arquitecto Marcide. 

Na súa intervención no acto, o conselleiro de Sanidade fixo fincapé na aposta da Xunta pola tecnoloxía robótica coa incorporación no ano 2021 de robots Da Vinci nas sete áreas sanitarias, o que sitúa Galicia entre as comunidades autónomas con maior implantación da cirurxía robótica na sanidade pública.

O investimento do Goberno galego de máis de 56 millóns de euros para dotar cada hospital de referencia dun robot, permitiu realizar xa máis de 11.400 intervencións robóticas. 

Hoxe estes equipos están plenamente integrados e compartidos por múltiples especialidades, desde cirurxía xeral ata uroloxía ou xinecoloxía e, nalgúns centros, tamén cirurxía torácica e maxilofacial. 

Na súa intervención, o conselleiro remarcou que a cirurxía robótica abriu un camiño que xa non ten retorno e sinalou a necesidade de facer balance de resultados ata o momento, para identificar áreas de mellora e planificar o futuro co maior atino posible.

Gómez Caamaño sinalou tamén o carácter pioneiro do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol na colaboración de cirurxía coa unidade de enfermidade inflamatoria intestinal do servizo de dixestivo, unidade certificada co grao de excelencia nacional.

Ademais, Ferrol incorporou técnicas innovadoras como a fibra láser para o tratamento ambulatorio das fístulas anais e realizou a primeira cirurxía bariátrica da área no ano 2019.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/11/2025