A Xunta publica a modificación dos estatutos da Real Academia de Medicina de Galicia para adaptar e actualizar o funcionamento da institución
O novo texto, impulsado pola propia institución, posibilita a celebración das súas reunións na modalidade telemática e incorpora a perspectiva de xénero a todo o seu marco normativo
A Real Academia de Medicina poderá subscribir un convenio coa Xunta para que os letrados da Administración poidan defender os intereses xurídicos da institución en casos especiais
A modificación estatutaria incorpora un novo artigo referido á responsabilidade disciplinaria para velar polo prestixio da institución e no que se incide nos deberes e as obrigas do persoal académico
Tamén se concreta un mecanismo para que os académicos, que voluntariamente manifesten a súa dispoñibilidade, poidan emitir informes periciais no caso de seren requiridos por parte os organismos xudiciais
Os novos estatutos precisan con maior detalle a composición dos órganos de goberno e as súas funcións e permitirán que a Real Academia poida destinar parte do seus recursos á constitución de entes fundacionais
Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, unha resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello da Xunta polo que se aproba a modificación dos estatutos da Real Academia de Medicina de Galicia co obxectivo de adaptar e actualizar o funcionamento da institución.
A modificación estatutaria mellora a técnica normativa da Real Academia, modernizando a súa organización e axilizando o desenvolvemento das súas funcións. Así, no referido ao emprego das novas tecnoloxías, posibilita a celebración de reunións en modalidade telemática, algo que ata o de agora se limitaba ao carácter presencial. Ademais, o novo texto incorpora a perspectiva de xénero a todo o seu marco normativo.
Entre os cambios introducidos destaca a posibilidade de que a institución poida subscribir un convenio coa Asesoría Xurídica da Xunta, co fin de que os letrados da Administración autonómica poidan asesorar e defender os intereses xurídicos da Real Academia en casos especiais.
O estatuto incorpora un artigo de nova redacción que ten por obxecto velar polo prestixio, honorabilidade e a historia da Real Academia de Medicina. Neste sentido, inclúe un punto en que se define a responsabilidade disciplinaria dos seus académicos, así como as posibles sancións no caso de incumprir as súas obrigas ou de manter unha conduta non axeitada.
Do mesmo xeito, os novos estatutos concretan un mecanismo para que os académicos, que voluntariamente manifesten a súa dispoñibilidade, poidan emitir informes periciais, no caso de seren requiridos estes por parte os organismos xudiciais. Neste caso, os membros que decidan activar a súa función pericial deberán formar parte dunha listaxe que, de xeito anual, se actualizará e ordenará cada mes de xaneiro.
Os novos estatutos tamén precisan con maior detalle a composición dos órganos de goberno e as súas funcións. Tamén permitirán que a Real Academia de Medicina de Galicia poida destinar parte do seus recursos propios á constitución de entes fundacionais.