A Xunta dá luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de residuos da construción, en Teo

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a instalación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O Executivo galego lembra que este é un paso máis na tramitación do expediente e que o IIA non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes exixibles para a execución e desenvolvemento da iniciativa

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental a un proxecto para a valorización de residuos procedentes da actividade da construción no concello de Teo, concretamente na parroquia de Cacheiras.

Segundo conclúe o informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, cuxa resolución se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental e na restante documentación analizada como na propia resolución autonómica.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.

Froito desas consultas, distintas entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística, así como do patrimonio natural e cultural.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e procedeuse a darlle publicidade tamén a través do DOG e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

A valorización realizarase dentro dunha planta xa existente na parroquia de Cacheiras duns 5.600 metros cadrados de superficie situada nas instalacións propiedade do promotor. O proxecto prevé a xestión de residuos procedentes da actividade construtora do promotor, así como doutras empresas. En concreto, o material a valorizar serían residuos de construción e demolición, tales como ladrillos, tellas, materiais cerámicos, formigón, etc.

De feito, o proxecto de valorización, promovido por Excavaciones Midón SL, prevé que os residuos se sometan a un proceso de triturado, clasificación e aprovisionamento temporal do produto final.

Data de actualización: 01/12/2025