A Xunta incrementa ata máis de 64 M€ as achegas no ano 2026 para grupos de investigación e contratos predoutorais e posdoutorais

Rueda salienta o compromiso do Goberno autonónimo “coa investigación de selo galego, a I+G+i” e porque Galicia siga coma “unha das comunidades de cabeceira na aposta pola ciencia”

O Consello dá luz verde, por anticipado de gasto, ás primeiras cinco convocatorias para investigadores do vindeiro ano

Convocaranse preto de 200 novos contratos predoutorais e posdoutorais e darase apoio a 448 grupos de investigación, a maior cifra da historia

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno autonómico incrementará ata máis de 64 millóns de euros a contía no 2026 "para apoiar a 448 grupos de investigación” e impulsar preto de 200 contratos  predoutorais e posdoutorais en Galicia. Unha medida que se aproba por anticipado de gasto para dar certezas neste eido dentro da aposta da Xunta pola “investigación de selo galego, a I+G+i”.

Rueda enmarcou as axudas hoxe aprobadas na aposta da Xunta por xerar, reter e atraer talento e no obxectivo de dar un novo impulso para consolidar Galicia “no grupo de cabeceira das comunidades que máis apostan pola ciencia porque a ciencia é futuro”.

De feito, Galicia volve incrementar o investimento en I+D ata acadar a cifra récord de 1.058 M€. Así o acaba de publicar o Instituto Nacional de Estatística (INE) no seu informe relativo a 2024, cando a nosa Comunidade volveu medrar, neste caso, tres puntos máis que a media do Estado, grazas a un aumento no gasto nesta materia de 95 M€.

Esta aposta por reter, captar e atraer talento e coñecemento intensifícase coas cinco convocatorias aprobadas este luns, o eixo central para reforzar a carreira investigadora en Galicia desde o seu inicio. A estas axudas periódicas súmanse novas iniciativas como a creación da Fundación Galtia, para atraer talento investigador de alto nivel do estranxeiro, ou o programa Oportunius, para beneficiarios das bolsas máis prestixiosas de Europa, as do Consello Europeo de Investigación (ERC).

Coas convocatorias de hoxe, o investimento en vigor por parte do Goberno galego para grupos de investigación, contratos pre e posdoutorais e centros da Rede CIGUS supera os 313 M€ (62,5 M€ máis que o ano pasado) con arredor de 670 contratos financiados (450 predoutorais e 220 posdoutorais), así como con 448 grupos en activo e medio centenar de doutorandos industriais.

15 M€ para predoutorais

No que atinxe aos contratos predoutorais, “destínanse 12,4 M€ para a contratación de 102 investigadores” por un período de catro anos nas universidades públicas, en centros do CSIC na nosa Comunidade, nas fundacións sanitarias ou noutros organismos públicos de investigación como o Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia). A finalidade do programa é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias dos investigadores.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. O importe máximo da primeira e a segunda anualidade para cada axuda é de 24.600 euros anuais, para o terceiro ano é de 25.200 euros e de 30.600 euros no cuarto ano. Ademais, existe un período de orientación posdoutoral, unha vez defendida a tese e dentro dos catro anos, onde o importe máximo é de 31.500 euros anuais. Finalmente, a maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.

No caso de investigadores predoutorais, a Xunta conta tamén cun programa específico denominado Doutoramentos industriais que facilita a contratación de 15 estudantes máis en empresas e centros tecnolóxicos nos cales desenvolverán a súa tese doutoral. Esta liña conta cun investimento de 2,5 M€ que, sumados aos contratos xa mencionados, elevan o investimento nesta etapa a 15 M€.

Os aspirantes deberán matricularse nun programa de doutoramento dunha universidade pública galega e ter unha persoa directora da tese vinculada ao programa. As axudas, que inclúen custos de contratación relacionados co proxecto da empresa ou centro tecnolóxico, así como apoios para a realización de estadías de tres meses no estranxeiro, buscan favorecer a investigación colaborativa e a transferencia de coñecemento.

Máis de 20 M€ para os posdoutorais

No caso das axudas posdoutorais, de seis anos de duración, destínanse 16,5 M€ para 49 contratos que teñen como obxectivo principal continuar formando os xa doutorados e que establezan unha liña de investigación que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria no sistema de I+D+i galego. Igual que no caso dos predoutorais, traballarán en calquera das universidades públicas, centros do CSIC en Galicia, fundacións sanitarias e organismos públicos de investigación como o Cesga.

Durante os primeiros tres anos de contrato, os beneficiarios recibirán un máximo de 32.800 euros ao ano. Ademais, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino. Durante os tres seguintes anos, tras superar a avaliación intermedia, os beneficiarios recibirán 50.900 € anuais, incluídos os complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.

Ademais, deuse o visto e prace á convocatoria de 24 contratos posdoutorais de continuidade, cun orzamento de case máis de 3,7 M€. Esta convocatoria ten como obxectivo completar a formación dos investigadores que aínda continúan no modelo antigo de posdoutorais de cinco anos, dividido en dúas fases de tres e dous anos, e cuxos contratos poden así estenderse a un total de seis anos en igualdade de condicións que os novos. Cunha duración de tres anos para a creación dunha liña de investigación propia, o importe máximo destas axudas será de 50.950 € ao ano, un 2 % máis.

Case 29 M€ a grupos de investigación

Finalmente, aprobouse a convocatoria de axudas dirixida aos grupos de investigación máis competitivos do sistema de I+D+i para o ano 2026, por un importe de case 29 M€. Actualmente, hai 448 grupos de investigación en activo, a maior cifra da historia, que desenvolven o seu labor co apoio da Xunta en diferentes entidades.

 

Esta liña de axudas é o programa nuclear do Goberno galego no financiamento da I+D, co obxectivo de garantir un financiamento estrutural aos grupos científicos máis excelentes do sistema e a proxectos de alto impacto para a nosa Comunidade. Igual que nas convocatorias anteriores, a orde inclúe o apoio a grupos de referencia competitiva (modalidade A), que constitúen a elite do sistema investigador; a grupos de potencial crecemento (modalidade B), os que sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores teñen calidade investigadora, e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente (modalidade C), para que persoal investigador de alto impacto que actualmente non lidera ningún grupo teña a posibilidade de crealo.

 

Tamén se mantén o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia do papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre as mulleres e os homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i. De feito, esta aposta está dando os seus froitos: o número de mulleres dedicadas á I+D en Galicia incrementouse en 2024 con máis forza que no conxunto do Estado, en concreto un 1,95 % fronte ao 0,53 % de España, segundo os últimos datos do INE.

 

O financiamento varía en función dos ingresos medios anuais e as actividades de transferencia de coñecemento, oscilando entre os 15.000 e os 105.000 euros ao ano para cada grupo. As axudas poden destinarse tanto á contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ou de investigadores visitantes, como a sufragar ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos, etc.), pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico ou a consultoría e o asesoramento externo, entre outros.

 

                  

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/12/2025