O delegado territorial da Xunta en Ourense visita o municipio

A Xunta financia a adquisición dun vehículo cero emisións/eco para o servizo de medio ambiente do concello de Xunqueira de Espadanedo

Manuel Pardo explicou que a adquisición foi cofinanciada pola Xunta a través dun convenio de colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cunha achega de preto de 40.000 euros

O delegado territorial detallou que este vehículo destinarase para a realización das tarefas de mantemento dos servizos de saneamento e abastecemento de auga aos núcleos de poboación, servizos medioambientais básicos

Tamén lembrou que a Xunta abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso público, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local

Ourense, 02 de decembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá ao concello de Xunqueira de Espadanedo para, acompañado do seu alcalde, Pablo Graña, pór en valor a adquisición dun vehículo Cero emisións/ECO cofinanciado pola Xunta a través dun convenio de colaboración da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, cunha achega de preto de 40.000 euros.

O delegado territorial explicou que este vehículo destinarase para a realización das tarefas de mantemento dos servizos de saneamento e abastecemento de auga aos núcleos de poboación, servizos medioambientais básicos que abarcan a provisión de auga de consumo humano e a xestión das augas residuais para a prevención de enfermidades e contaminación ambiental.

Manuel Pardo lembrou que a Xunta abre cada ano diversas liñas específicas para os concellos como o Fondo de Compensación Ambiental, a orde de infraestruturas de uso público, a orde de axudas de eficiencia enerxética cofinanciada con fondos Feder ou o Fondo de Cooperación Local, no que se enmarca unha liña dirixida a proxectos estratéxicos. A través delas impulsáronse preto dun milleiro de actuacións municipais ao longo deste ano.

Neste senso, o  representante do Goberno galego destacou, que o obxectivo común de todas as ordes de axudas mencionadas anteriormente é mellorar o funcionamento dos servizos e das infraestruturas municipais, de forma que os concellos poidan prestar servizos de calidade á veciñanza con independencia do seu lugar de residencia, coa finalidade de garantir a calidade ambiental, previr e mitigar os efectos adversos sobre o ambiente ou atender ás emerxencias.

O delegado territorial subliñou que o concello de Xunqueira de Espadanedo leva anos apostando pola optimización enerxética e a implantación de tecnoloxías eficientes e respectuosas co medio ambiente na súa atención aos veciños, xa que quere prestar uns servizos municipais da máxima calidade ao tempo que reduce as súas emisións e por todo iso adoita beneficiarse destas axudas da Xunta de Galicia.

Reunión co  alcalde

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, aproveitou a súa estadía no concello para manter un encontro co alcalde Pablo Graña e coñecer de primeira man as necesidades do municipio.

Manuel Pardo trasladoulle “o compromiso da Xunta de acometer os investimentos necesarios e traballar de forma conxunta para garantir o benestar de todos os veciños do concello”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/12/2025