Belén do Campo destaca as importantes melloras realizadas no hotel Canaima grazas a un apoio da Xunta de máis de 58.000€ da orde de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos
A delegada da Xunta destacou que con esta obra o hotel reafirma o seu compromiso coa calidade e coa mellora continua adaptándose ás novas necesidades dun turismo cada vez máis diverso e internacional
Ordes (A Coruña), 3 de decembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, xunto co alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, visitaron hoxe o hotel Canaima beneficiario das subvencións concedidas para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento e de restauración.
Concretamente, este establecemento hoteleiro recibiu máis de 58.000 euros, o 60% do investimento total, que lle permitiron levar a cabo importantes melloras. Trátase dun hotel de carácter familiar, en funcionamento desde 1973 e rexentado pola mesma familia desde hai máis de 40 anos, que tradicionalmente recibiu maioritariamente clientela de empresa.
Belén do Campo subliñou que durante os últimos anos, o hotel experimentou un notable incremento de pernoctacións pola súa proximidade ao Camiño Inglés, acollendo visitantes de múltiples países. Esta tendencia impulsou ao establecemento a apostar por unha actualización profunda que lle permite ofrecer un servizo máis cómodo, eficiente e acorde ás esixencias actuais do turismo de calidade co apoio do Goberno galego.
Melloras na zona de cociña
O proxecto incluiu a reforma completa do teito da cociña, que foi substituído por paneis rexistrables de escaiola, un material máis axeitado pola súa facilidade de limpeza e mantemento. Ademais, elimináronse as dúas claraboias existentes, xa que non proporcionan o illamento térmico necesario. Ademais levouse a cabo o cambio de iluminación por paneis led.
Ao redor da campá instalouse un caixón de illamento e, na zona dos fogóns e das mesas de empratado, colocáronse dous ventiladores que permiten mellorar a ventilación e a temperatura no verán, aumentando o confort, a seguridade e as condicións de traballo do persoal.
Renovación do teito e iluminación da recepción
Na recepción do hotel renovouse por completo o teito existente, con esta intervención obtivose un espazo máis moderno, silencioso e con mellor confort técnico.
Tamén se executou a renovación integral da iluminación da recepción, coa instalación de paneis LED. Estas luminarias ofrecerán maior eficiencia, máis intensidade lumínica e unha estética actual, e ademáis renovouse todo o cableado correspondente.
Reformas en habitacións e baños
Dentro das actuacións leváronse a cabo intervencións na segunda, terceira e cuarta planta do edificio. Concretamente a substitución do alicatado en dúas habitacións. Nestes mesmos cuartos instaláronse novos pratos de ducha, mamparas e sistemas de grifería.
Así mesmo, substituíronse portas de habitacións, baños e armarios, mellorando tanto a estética como a hixiene e unificando a imaxe interior de cada estancia.
Tamén se renovaron as bañeiras por pratos de ducha e cambiáronse cortinas por mamparas, xunto coa renovación de griferías.
Illamento e reparación estrutural
Outra intervención destacada foi a substitución do panel do teito do hotel e a reparación completa da placa de cemento que limita coas habitacións. Colocouse un panel tipo sándwich que mellorou o illamento térmico e acústico do edificio. Ademais, instaláronse verteaugas e canlóns.
Con estas melloras completouse o illamento integral do edificio resolvendo problemas de humidades e ruídos e incrementando significativamente o confort e o descanso dos clientes.
Belén do Campo destacou que con esta obra o hotel reafirma o seu compromiso coa calidade, coa mellora continua e coa hospitalidade que durante décadas caracterizou a esta casa familiar, adaptándose ás novas necesidades dun turismo cada vez máis diverso e internacional.
Liña de axudas
A delegada da Xunta lembrou que esta liña, contou este ano con 4,5M€, 3,5 millóns de euros para establecementos hoteleiros e 1 millón de euros para restaurantes, concedendo en total 212 axudas. Por provincias, os aloxamentos situados na Coruña beneficiáronse de 70 axudas por un importe de 1,4 millóns e na comarca de Ordes ademáis de Canaima, recibiu outra achega Casa Barreiro tamén en Ordes de máis de 21.000 euros.
A boa acollida desta orde reflíctese no impulso que supuxo o incremento da liña de crédito, que en 2025 sumou 1M€ aos 3,5M€ cos que estaba dotada en 2024. A delegada adiantou que esta orde volverá convocarse, o ano que vén, para que o sector turístico poida seguir modernizando os seus establecementos.
A convocatoria centrouse na mellora das infraestruturas turísticas, entendendo que estas teñen un impacto directo na calidade dos servizos e recoñecendo a necesidade de actualizalas periodicamente para responder ás novas exixencias e requisitos do mercado. Con estas achegas quérese incentivar as actuacións para manter unha adecuada rede de restaurantes e aloxamentos, así como avanzar nun turismo de calidade, máis accesible e sostible.