A Delegación Territorial de Pontevedra homenaxea aos 16 funcionarios xubilados durante o ano 2025
Os homenaxeados recibiron un pequeno agasallo
O delegado territorial destacou na súa intervención o esforzo realizado polos novos xubilados, que durante a súa carreira profesional tiveron que adaptarse a múltiples cambios sociais e tecnolóxicos
Pontevedra, 3 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, presidiu esta mañá a homenaxe aos funcionarios da delegación territorial de Pontevedra xubilados durante o ano 2025.
O acto, que tivo lugar no edificio administrativo da Xunta, en Campolongo, contou coa presenza dos directores territoriais das distintas consellerías que entregaron un pequeno agasallo aos homenaxeados.
En total foron 16 os xubilados homenaxeados neste evento. En súa representación tomou a palabra Eugenio Fernández Piñeiro, que dirixiu unhas palabras aos presentes.
Pola súa banda, o delegado territorial pechou o acto sinalando a importancia de contar con funcionarios comprometidos e que traballen de forma coordinada.
“Estou seguro de que os compañeiros que deixades neste edificio vos botarán de menos e espero que teñan sido quen de aprender de vos todo o posible”.
Para rematar o delegado desexou “un 2026 cheo de saúde e felicidade” a todos os presentes e lembrou que o edificio administrativo da Xunta en Pontevedra “será sempre a vosa casa”.