A Xunta e o Concello do Porto do Son abordan a mellora das infraestruturas sanitarias do municipio

O conselleiro de Sanidade e o alcalde mantiveron esta tarde unha xuntanza co obxectivo de avaliar as necesidades de arraxo do consultorio de Portosín

Abordaron, ademais, o proxecto do futuro novo centro de saúde que se construirá no Porto do Son

O Concello prevé remitir en vindeiras datas a documentación necesaria para formalizar a cesión da parcela ao Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, mantivo esta tarde unha xuntanza co alcalde de Porto do Son, Luis Oujo, para abordar a mellora das infraestruturas sanitarias do municipio entre elas, as posibles reformas no consultorio de Portosín. 

Acompañado da directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde, Amparo Pousada, e polo xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio, o encontro tamén serviu para avanzar no proxecto do futuro novo centro de saúde que se construirá no Porto do Son.

A ese respecto, o alcalde trasladou que en vindeiras datas o Concello prevé remitir a documentación municipal relativa á parcela de cara á súa cesión ao Servizo Galego de Saúde. Unha vez cumprimentado ese trámite poderá licitarse a redacción do proxecto construtivo do novo centro de saúde.

O futuro inmoble contará con 5 consultas de médico de familia, 4 de enfermería, 1 de farmacia, 1 de odontoloxía, 1 sala de respiratorios, 1 consulta de urxencias, 2 consultas polivalentes, despacho de traballador social, 1 sala de toma de mostras. Así mesmo, disporá dunha área da muller, área pediátrica e área de rehabilitación.

A Consellería de Sanidade e o Concello impulsaron este ano unha mellora do actual centro de saúde cun investimento conxunto de 43.000 euros. As obras consistiron na impermeabilización da fachada traseira e no acondicionamento das instalacións e da cuberta do centro de saúde para evitar filtracións de auga. Estas obras súmanse ás realizadas en 2024, de reforma da cuberta, por valor de 12.000 euros.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/12/2025